O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou onte de que o Consello deu o visto e prace a poñer en marcha unha serie de medidas para “afinar as listas de demandantes de emprego, de xeito que só figuren as persoas que realmente estean interesadas en atopar un traballo”.
Así informan na web da Xunta:
“O obxectivo é centrarse neste colectivo e derivar a outros servizos aos cidadáns que malia estar nas listas do paro en realidade querían acceder a outro tipo de recursos coma as actividades formativas.
“Queremos mellorar o funcionamento das oficinas de emprego e contribuír á súa principal función: mellorar a inserción laboral das persoas que están en paro”, indicou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José Gonzalez, quen resaltou que estas novas medidas se enmarcan no reforzo do programa de seguimento intensivo da demanda de emprego que se artellará nos vindeiros días, a través dunha actualización do procedemento, o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).
Para afinar as listas de demandantes de emprego, a partir “deste mes”, segundo indicou Rueda, vaise introducir de xeito pioneiro –“somos a única comunidade que está avanzar” neste eido, engadiu o conselleiro- o acordo de actividade explícito recollido pola normativa estatal para inscribirse ou permanecer como demandante de emprego -xa se teña dereito a prestación ou non-, co fin de diferenciar as persoas que realmente queren traballar das que só buscan servizos de formación ou o cobramento de prestación.
Tal e como explicou Rueda, o feito de non asinar ou incumprir este novo acordo de busca activa de emprego implicará que a persoa será “retirada de forma inmediata das listas de demandantes” dun traballo.
O conselleiro resaltou que no caso dos non perceptores de subsidio pola súa situación de desemprego, se non asinan este novo acordo de actividade, entenderase que non están buscando activamente traballo e, tamén como novidade, serán excluídos das listaxes de demandantes, o que suporá na práctica perder acceso dun xeito temporal -ata que asinen o acordo- á mediación, titorización ou priorización nos procesos de intermediación do SPEG coas empresas.
Canto aos perceptores que non queiran asinar este novo acordo -ata agora, un compromiso implícito- tamén se procederá á súa retirada das listaxes; neste caso perderán, ademais, o dereito á prestación durante os días que tarden en subscribir o acordo e en volver estar anotados no SPEG como demandantes activos -tal e como sucedía cos perceptores que non renovaban a súa demanda de emprego-.
Definir a categoría de demandante de emprego para reforzar a eficacia do SPEG
Esta medida ten como obxectivo afondar aínda máis na delimitación da categoría de demandante de emprego que impulsa o programa de seguimento intensivo, unha meta imprescindible para identificar e prestar os servizos requiridos polas persoas inscritas de acordo coas súas necesidades, mellorando polo tanto a eficiencia dos procesos de selección do SPEG.
Apoiándose no acordo de actividade polo que os demandantes teñen que comprometerse a buscar traballo dun xeito activo e que non se exixirá aos que só busquen servizos de formación ou outros recursos do SPEG, búscase encaixar as circunstancias actuais dos inscritos coas súas demandas rexistradas, adaptándoas ás súas necesidades reais. Así, poderánselles ofrecer os servizos públicos máis axeitados para favorecer a súa empregabilidade permitindo, por exemplo, gañar eficacia na identificación das dificultades que pode ter unha persoa á hora de incorporarse ao mercado laboral.
Nesta liña, cómpre salientar que os demandantes que cumpran co seu compromiso serán incentivados a través dun novo mecanismo de antigüidade, que os favorecerá nas listas á hora de recibir ofertas de emprego fronte a aqueles que asinen o acordo e logo o incumpran -estes poderían ser sancionados e despois regresarían con esa antigüidade a cero, igual que aqueles que decidan asinalo tras rexeitalo en primeira instancia-.
Balance do programa de seguimento intensivo
O programa de seguimento intensivo da demanda está dirixido ás persoas que levan máis de cinco anos inscritas e non realizaron cursos nin citas de orientación nos últimos dous anos, ás que non confirmasen dispoñibilidade para tres ofertas de emprego nun ano, ás que non se presenten ás citas de orientación nin teñan itinerario laboral activo ou ás que rexeiten unha oferta de traballo ou os servizos de orientación e formación para o emprego.
Tal e como explicou Rueda, desde a súa posta en marcha en xuño de 2023, o programa de seguimento intensivo da demanda permitiu atender nas oficinas de emprego galegas “máis de 47.000 persoas”, favorecendo a inserción laboral de “máis de 7.000” e motivando que “preto de 10.400 persoas” deixasen de ser demandantes de emprego dun xeito voluntario.
Orzamentos 2025
A Xunta avanzará o ano vindeiro na modernización e dixitalización do SPEG, con preto de 1,6 millóns de euros dirixidos a este labor. Tamén se potenciará nas 54 oficinas de emprego de Galicia a ferramenta EMi, coa idea de beneficiar até setembro de 2025 máis de 70.000 persoas, ás que se lles realizará o perfilado competencial. Cun orzamento de 1 millón desenvolverase, ademais, unha aplicación móbil que permitirá os autoperfilados.”