Foron despedidos polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
O Consello da Xunta
avaliou na xuntanza de hoxe o continxente de profesionais e medios de
emerxencias coordinados polo Goberno galego en resposta ao chamamento feito
pola Comunidade Valenciana para o apoio ás persoas afectadas pola catástrofe
natural.
Trátase de
douscentos técnicos de distintos departamentos autonómicos e de administracións
locais, xunto con case un cento de vehículos e diverso material de emerxencias.
Tal e como salientou o presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda,
“todas as administracións estamos remando a unha en Galicia para ofrecer os
medios que nos son requiridos”. Do mesmo
xeito, Rueda agradeceu “a solidariedade de todos os galegos e o seu compromiso
amosado estes días”, referíndose tanto a cidadáns anónimos como aos
profesionais das emerxencias e do traballo neste tipo de situacións que
“voluntariamente se ofreceron para botar unha man e axudar nuns momentos no que
a súa axuda é especialmente necesaria”.
Así, o primeiro
continxente, que xa está en Valencia, está integrado por case un cento de
profesionais. Trátase de seis efectivos do Grupo Operativo de Actividade
Subacuática da Policía Autonómica e outros sete do Grupo de Apoio Loxístico á
Intervención (GALI) e da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, xunto con
60 da Consellería do Medio Rural, entre os que figuran bombeiros forestais,
condutores, axentes ambientais e un posto de mando avanzado con técnicos, entre
outros.
A maiores, mobilizáronse
cinco membros do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Mos (GES) e dous
voluntarios de Protección Civil do Rosal. En canto aos medios materiais,
enviáronse 20 vehículos todoterreo, cinco furgonetas, sete motobombas, un
bulldozer, un tractor, un remolque, dúas nodrizas, unha balsa pneumática e unha
kayak de salvamento, entre outros vehículos. A maiores, puxéronse á disposición
material de salvamento e socorrismo, equipamento de primeiros auxilios, equipos
de mergullo, drons, bombas de achique, equipos de iluminación e mangueiras,
entre outros.
A saída dos
diferentes integrantes fíxose onte á noite desde diferentes puntos de Galicia,
para xuntarse na localidade zamorana de Benavente e dirixirse así cara a
Valencia.
Segundo continxente
Nesta mañá o
Goberno galego coordinou un segundo envío conformado por outro cento de
profesionais dos bombeiros municipais da Coruña, de Santiago de Compostela, de
Lugo, de Ferrol e Vigo e do Consorcio de Bombeiros de Pontevedra, ademais dos
GES de Ponteareas, da Mancomunidade Terra de Celanova e Padrón, e voluntarios
de Protección Civil de Verín, Boiro, Mazaricos, Carballo, Tui, Muxía, Val do
Dubra, Moraña, Cuntis, Portas, Ferrol, Vilalba e Viveiro. Sumouse ademais a
unidade de cans de salvamento (Casaga) e un equipo do Concello de Cambados.
O material
mobilizado por este segundo continxente suma unha vintena de todoterreos e
pickups, catro furgonetas, tres motobombas e sete remolques entre outros
vehículos, e numeroso material de apoio como bombas de achique, equipos de
excarceración, drons, material de rescate acuático e altura, xeradores e tendas
de emerxencias.
Os envíos enmárcanse no labor de coordinación impulsado pola Xunta o pasado sábado, tras a petición de novos medios por parte da Comunidade Valenciana en apoio ás persoas afectadas pola DINA. Así, nesa xornada reuníanse a través dunha videoconferencia o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e representantes da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático xunto con representantes da Delegación do Goberno en Galicia, da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e das catro deputacións provinciais, así como responsables de servizos provinciais e municipais de emerxencias de Galicia. Na xuntanza acordouse que a Xunta centralice e coordine o envío de profesionais e medios de emerxencias que se envíen desde Galicia e que sexan requiridos desde o Centro de Coordinación de Emerxencias da Generalitat valenciana.
Estase a efectuar a través do 112
Galicia onde as distintas administracións e organismos comunicaron os seus
medios dispoñibles. Estes datos trasládanselles á Comunidade Valenciana e ao
Centro Nacional de Seguimiento e Coordinación de Emerxencias (CENEM). Os medios
enviados onte xa se están na zona á disposición dos responsables da emerxencia
para afrontar todas aquelas tarefas para que sexan mobilizados e restablecer,
entre outras accións, a comunicación como está a demandar a Comunidade Valenciana
para facilitar así a chegada dos servizos de emerxencias. Cómpre lembrar que a Xunta xa enviou a semana
pasada a Valencia o helicóptero Pesca 1 de Gardacostas de Galicia para
participar nos operativos de busca e rescate de persoas en zonas afectadas pola
DINA, e formou parte de dous dispositivos nos que non se localizou a
ninguén. Desde a Xunta séguese a
disposición da Comunidade Valenciana nos medios que demande para colaborar nas
tarefas que os centros de mando da autonomía soliciten.