O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico ten reservados nos orzamentos de 2025 “máis de 35 millóns de euros para planificar e poñer en marcha” diferentes medidas para facer fronte aos riscos de inundación dentro do ámbito da bacía hidrográfica de Galicia-Costa.
O obxectivo, tal e como explicou, é que a comunidade “estea preparada para actuar” ante os eventos adversos da metereoloxía e lembrou que Galicia leva anos traballando para “previr e minimizar os riscos de inundacións”. Na mesma liña, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, resaltou a importancia “da planificación para atallar” os posibles impactos deste fenómeno e garantir que “na terra dos mil ríos, os ríos non sexan un obstáculo”.
O Consello avaliou hoxe un informe onde Augas de Galicia expón a súa estratexia ante os riscos de inundacións, cun paquete de actuacións que abranguen medidas preventivas para evitar ou minimizar os asolagamentos, accións destinadas a protexer as áreas máis sensibles ás inundacións e traballos de restauración ecolóxica e conservación tanto nas canles como nos contornos fluviais co mesmo fin.
No apartado preventivo, Augas apóiase no modelo Merlín, un sistema “pioneiro de alerta temperá de riscos” de inundación en Galicia-Costa que desenvolveu en colaboración coa Universidade da Coruña, segundo explicou Rueda. Grazas a esta ferramenta “pódese prever a 3 días vista o posible desbordamento dos ríos” na bacía autonómica con base nas predicións de MeteoGalicia e da Aemet —entre outros datos— e “establecer as correspondentes alertas” hidrolóxicas.
Co mesmo obxectivo —anticiparse a posibles episodios de enchentes— o organismo hidráulico tamén dispón dunha completa rede de medición de caudais que permite coñecer os niveis dos ríos principais en tempo real. “O sistema de medición de caudais de Galicia-Costa duplicouse nos últimos meses ata chegar ás 95 estacións de control”, indicou o presidente, cun investimento de 0,7 millóns de euros anuais por parte da Xunta para garantir o seu bo funcionamento.
Ademais, tal e como explicou a conselleira, para consolidar Galicia como un territorio máis preparado para afrontar os riscos derivados das inundacións, “seguirase apostando pola divulgación (cun orzamento de 0,7 millóns en 2025) a través da sinalización das áreas de risco e do desenvolvemento de actividades educativas en centros escolares ou campañas de comunicación”.
Como novidade, proponse tamén a creación de corredores fluviais verdes co fin de empregar a vexetación de ribeira para reducir o risco potencial de inundación en zonas sensibles. A idea é manter e reforzar a vexetación propia destas áreas, medida que fai que en caso de avenidas as canles se manteñan estables e non leven terra cara ás desembocaduras, e ademais, habilitar accesos peonís que permitan que a súa conservación sexa más sinxela.
En materia de protección, precisamente, as accións de Augas de Galicia céntranse naqueles puntos máis vulnerables a episodios de chuvias intensas, é dicir, nas áreas de risco potencial e significativo de inundación (ARPSI). O organismo hidráulico ten en execución ou practicamente rematadas unha serie de obras que buscan proporcionar máis espazo aos ríos ou ben renaturalizar os seus contornos nos concellos de Valga, Oia, Carballo e Catoira, cun investimento de case 11 millóns de euros.
A estas actuacións xa en marcha sumaranse, segundo informou a conselleira, outras novas localizadas nestas e en ARPSI diferentes de Galicia-Costa ao seu paso polos “municipios de Viveiro, Ponteceso, Neda, Sada ou Padrón”. Cun custo total estimado en preto de 20 millóns de euros, Augas de Galicia ultima os acordos que garantirán a licitación e execución destes traballos en colaboración cos respectivos concellos, que tamén teñen competencias na materia.
Plan de conservación e mantemento fluvial
Por último, no apartado de restauración fluvial, cómpre destacar o labor continuado que realiza o organismo hidráulico autonómico e que se traducirá o ano que vén en 2,7 millóns de euros destinados a realizar traballos de conservación e mantemento fóra do ámbito urbano e primando aquelas áreas cun risco potencial de inundación.
A responsabilidade de manter os espazos fluviais en condicións axeitadas é compartida coas administracións locais, polo que a Xunta foi pioneira en facilitarlles o seu labor ao autorizar este tipo de traballos mediante unha simple declaración responsable.
Así mesmo, no caso de cidades e ámbitos máis urbanos, o obxectivo non é só reducir a ameaza de posibles desbordeamentos, senón que as actuacións que se van realizar estean integradas co contorno. Neste sentido, Augas de Galicia aposta pola creación de áreas de inundación controladas, unha fórmula aplicada con éxito noutras comunidades e que consiste en habilitar espazos capaces de reter grandes cantidades de auga en caso de chuvia intensa e cun valor ambiental que lles permite tamén integrarse en futuros espazos verdes.
Nova planificación 2028-2033
Todas estas medidas no eido da prevención, protección e restauración veñen marcadas e definidas por un traballo de planificación previo, que se revisa e actualiza cada seis anos. Así, tal e como explicou Rueda, o actual Plan de xestión do risco de inundación (PXRI) 2021-2027 da demarcación Galicia-Costa identifica “un total de 198 áreas con risco potencial significativo de inundación fluviais (170) e costeiras (28), das que 47 están consideradas de risco elevado”.
Esas zonas repártense en catro grupos, segundo o nivel de risco, e no cuarto inclúense os casos máis graves, que son nos que está a actuar Augas de Galicia da man dos concellos. A conselleira explicou que xa se está traballando no vindeiro Plan, que elevará a “172 as áreas de risco e pasará de 548 quilómetros a 566”.
Cómpre lembrar que o actual Plan de xestión do risco de inundación é o resultado dun exhaustivo estudo en tres fases, que se teñen que repetir ciclicamente, das zonas máis sensibles a episodios de intensas choivas dentro de Galicia-Costa. A primeira consiste en determinar as áreas do territorio cun risco potencial significativo de inundación, é dicir, nas cales ese risco se considera probable.
O segundo paso é a elaboración de mapas de perigosidade e risco de inundación, nos cales se establece o posible alcance deses asolagamentos atendendo a distintos escenarios ao tempo que se fai unha relación dos elementos susceptibles de verse afectados por eles, como poden ser, entre outros, a poboación, actividades económicas e industriais, zonas protexidas, monumentos, colexios ou hospitais. Na última e definitiva fase elabórase o propio plan, que define as liñas básicas para previr e minimizar os riscos.
Trátase dun traballo continuo e que require dunha constante actualización como demostra o feito de que a Xunta, ao tempo que traballa na execución do PXRI 2021-2027, xa iniciou hai varios meses a tramitación de cara á elaboración do seguinte plan de xestión, que marcará a folla de ruta a seguir neste eido durante o período 2028-2033.
Así, o pasado mes de agosto abriuse a consulta pública do documento no cal se recolle o estudo de avaliación preliminar de riscos para identificar as ARPSI de Galicia-Costa e hai unhas semanas licitouse a elaboración e revisión da cartografía de inundabilidade correspondente á bacía autonómica, que se levará a cabo o vindeiro ano por un importe estimado de 0,3 millóns de euros