O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Lei de medidas fiscais e administrativas, que acompaña aos orzamentos da Xunta de Galicia e que incorpora novas rebaixas de impostos, como o de sucesións ou de transmisións patrimoniais, así como accións dirixidas a estimular a posta no mercado de vivendas de aluguer.
O viceportavoz do Grupo
Popular, Julio García Comesaña, lembrou que o Tribunal Constitucional
configurou este tipo de normas como “leis ordinarias cuxo contido está
plenamente amparado pola liberdade de configuración normativa de que goza o
lexislador e que permiten unha mellor e máis eficaz execución do programa de
goberno”. “Así, esta lei contén un conxunto de medidas referidas a diferentes
áreas de actividade que, con vocación de permanencia no tempo, contribúan á
consecución de determinados obxectivos de orientación plurianual perseguidos
pola Comunidade galega a través da execución orzamentaria”, indicou.
BENEFICIO A MÁIS DO 80% DOS DECLARANTES
En concreto, García Comesaña salientou que este ano apróbase unha nova mellora no imposto de sucesións a través da que a redución se aplica a irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras, que suporá que as herdanzas de ata 25.000 euros a favor de calquera persoa deste grupo de parentes non tribute.
“En conxunto, as rebaixas do imposto de sucesións permitiron aforrar aos contribuíntes galegos 128 millóns de euros na súa declaración no ano 2022 e cerca de 280 millóns de euros no ano 2023, sendo o máis significativo de todo isto que a maior rebaixa a recibiron as rendas medias e baixas, en concreto nos tres primeiros tramos da tarifa, onde se concentra aproximadamente máis do 80 por cento dos declarantes”, explicou.
Respecto das medidas dirixidas ao ámbito da vivenda, o vindeiro ano estableceranse dúas deducións para estimular ás persoas propietarias de vivendas baleiras a súa posta no mercado do aluguer.
Por unha banda, poderanse beneficiar aquelas persoas que teñan algunha vivenda baleira que para poñela en condicións de ser alugada precise determinadas obras. Neste caso, permitirase deducir un 15 por cento do custe das obras, cunha base máxima de 9.000 euros por vivenda, sempre que o valor de mercado da vivenda non supere os 300.000 euros.
Por outra banda, tamén se beneficiarán aquelas persoas que conten cun número pequeno de vivendas e que non se decidan a poñelas en aluguer por entender que non lles compensa asumir os riscos de arrendalas. Para incentivar que o fagan, permitirase deducir ata 500 euros por vivenda ano no que se alugue, sempre que a renda non supere os 700 euros mensuais.
IMPOSTO DE TRANSMISIÓNS PATRIMONIAIS
Julio García Comesaña subliñou que “máis de 1.100.000 familias se teñen beneficiado desde o ano 2016 das distintas opcións de rebaixa no imposto de transmisións patrimoniais impulsadas polo Goberno galego para facilitar o acceso a unha vivenda, ás que a partir do vindeiro ano engadiranse dúas novas formas: apoiando a vivenda protexida de promoción pública e estimulando ás persoas propietarias a poñer os bens inmobles no mercado de aluguer”.
No primeiro caso, exímese de tributación no imposto de transmisións patrimoniais todas as operacións implicadas na construción e financiamento da vivenda protexida de promoción pública, establecendo unha dedución na cota do 100%. Esta medida afectará á promoción de 2.350 vivendas.
No segundo caso, adóptanse dúas medidas neste imposto: por unha banda, equipáranse os locais comerciais que se destinen a uso de vivenda ás vivendas, de xeito que as operacións gravadas polo tributo se beneficien dos tipos bonificados recoñecidos para as vivendas; e, pola outra, estimúlanse as operacións de promoción, construción e rehabilitación de vivendas que se poñan no mercado do aluguer cunha serie de requisitos que se deben cumprir para poder beneficiarse dunha dedución do 75 por cento na cota do imposto.
Esta lei tamén aborda, entre outras cuestións, aspectos como a modificación, simplificación e axilización do procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e o dereito a prestación do Sistema para a Autonomía e a Atención a Dependencia, coa posibilidade de tramitar conxuntamente o grado de dependencia e o grado de discapacidade, así como aspectos relacionados co sector eólico, a implantación da taxa turística por parte dos concellos galegos ou medidas para evitar as inundación.