miércoles, 4 de diciembre de 2024

A Xunta adxudica as obras do novo centro de saúde do concello da Rúa que contará cunha superficie que superará os 1.300 m2

 

Comunica hoxe a Xunta que vén de adxudicar as obras do novo centro de saúde do concello da Rúa á empresa Vilor Infraestruturas S.L., por un importe de 2,8M€. O contrato asinarase nos vindeiros días, coa previsión de iniciar en xaneiro a execución das obras, que teñen un prazo estimado de 18 meses.

O novo centro de Atención Primaria, cuxa construción xurde da colaboración da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas coa Consellería de Sanidade e o Concello da Rúa, contará cunha superficie que superará os 1.300 m2, e acollerá as consultas, salas e espazos requiridos por Sanidade para cumprir co plan funcional elaborado para dar o mellor servizo sanitario aos rueses.

O novo equipamento inclúe 3 consultas de medicina xeral, unha sala polivalente, 3 consultas de enfermería, unha sala de técnicas, consulta pediátrica, unha sala de lactancia e consulta de enfermería pediátrica, ademais de espazos dedicados á saúde da muller e á educación para a saúde.

No inmoble, que terá dúas plantas, a luz natural convértese en elemento clave, aportando, ademais de aforro enerxético, un ambiente que invita á calma. Outros aspectos que destacan no proxecto son os acabados axardinados, as soleiras elevadas, a instalación de paneis fotovoltaicos e un sistema de compartimentación que permitirá o axeitado tratamento do aire no interior do edificio.

O acceso ao recinto realizarase desde unha zona exterior cuberta cun cortaventos e a través dun amplo vestíbulo inmediato á zona de recepción.

Celebro moito esta nova e  expreso todo o meu recoñecemento polo traballo de tantos responsables políticos ruéses que fixeron moitas xestións para conseguilo.