Logo consulto a web da Xunta e leo que “a lexislación vixente en materia de calidade de aire busca evitar, previr e reducir os efectos nocivos das substancias contaminantes sobre a saúde humana, o medio ambiente no seu conxunto e outros bens de distinta natureza.
Para verificar o cumprimento destes obxectivos, establecer actuacións de mellora e avaliar os resultados obtidos, creouse a Rede de calidade do aire de Galicia, integrada na actualidade por un total de 47 estacións, de titularidade pública e privada, con capacidade para medir a contaminación do aire en diferentes zonas.
Todas estas estacións (que segundo a fonte de emisión poden ser de tráfico, industriais ou de fondo, e tendo en conta o tipo de área na que están localizadas se dividen en urbanas, suburbanas e rurais) cumpren diferentes funcións, dependendo da súa situación e da poboación á que representan.
Nelas empréganse analizadores automáticos para a medida dos distintos contaminantes en aire ambiente que emiten un dato cada 10 minutos e son recibidos en tempo real polo persoal da Rede. Os técnicos tamén teñen establecido un sistema de seguimento das estacións privadas para que subministren a información referente á calidade do aire cos mesmos estándares que as instalacións públicas, é dicir, os esixidos na normativa.
As estacións e os seus analizadores forman parte, xunto coas estacións meteorolóxicas, da Rede de observación meteorolóxica, avalada pola norma de calidade ISO 9001:2008 para certificar que os datos, que se poden consultar publicamente na web de MeteoGalicia, teñen trazabilidade e calidade.
Tamén conta cun sistema de alertas de xeito que o persoal de calidade do aire sabe en tempo real se se rexistra un dato de concentración elevada dun contaminante, ou os modelos predín que a concentración dalgún destes vai ser elevada, información de gran valor xa que permite xerar avisos á poboación e poñer en marcha as medidas correctivas necesarias para asegurar que, unha vez superados os limiares de activación, información e alerta, a calidade do aire volve aos niveis axeitados o mais pronto posible.”