sábado, 28 de diciembre de 2024

A Xunta autoriza resolución dos contratos de concesión das autovías do Salnés, de Barbanza, a autoestrada Ourense-Celanova e a de Santiago-Brión


O Consello da Xunta de Galicia deu onte luz verde á resolución dos contratos de concesión das autovías do Salnés, de Barbanza, a autoestrada Ourense-Celanova e a de Santiago-Brión, operación coa que o Goberno galego materializa a eliminación das peaxes en sombra que se viñan pagando anualmente nestas infraestruturas. 

Esta operación que se valora nun  importe de 299 millóns de euros suporá que a Xunta deixará de pagar, polo canon comprometido ata o final das concesións, un importe de 641,1 millóns de euros, o que supón  un aforro para a Xunta de 342,1 millóns de euros nos orzamentos dos vindeiros anos. 

Nos últimos anos, a Xunta de Galicia foi amortizando a débeda de actuacións executadas no seu día con cargo á créditos bancarios a través da Sociedade Pública de Investimentos, e así fóronse liberando recursos para garantir a conservación das estradas de titularidade autonómica, e permitiron a execución de obra pola vía orzamentaria, nun proceso que culmina co rescate das autovías de peaxe en sombra. A solvencia financeira da administración autonómica así o permitiu. 

O importe do rescate das concesións acada os 299M€, dos cales 95M€ corresponden á autovía Santiago-Brión; 85 M€ á de Celanova; 74 M€ á de Barbanza e 45M€ á autovía do Salnés. O rescate, como xa se ten anunciado, permitirá destinar o aforro a outros investimentos como a vivenda ou novas vías de alta capacidade a executar pola vía orzamentaria. Esta operación permitirá que as catro autoestradas pasen a ser autovías de propiedade pública, xestionadas directamente pola Xunta de Galicia, cunha Administración responsable e comprometida coa calidade do servizo. 

A conservación realizarase a través dos contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal da rede autonómica de estradas, que xa a día de hoxe inclúen autovías como a AG-64 Ferrol – Vilalba, a autovía do Morrazo ou a autovía Santiago –A  Ramallosa, entre outras. 

O rescate prodúcese con efectos do 31 de decembro, e o 1 de xaneiro a infraestrutura pasa a ser asumida pola Xunta de Galicia.  Non obstante, establécese un período transitorio en que as sociedades concesionarias seguirán realizando os labores de conservación, ata que estas sexan asumidas polos medios da conservación ordinaria das estradas autonómicas. 

A previsión da Xunta é licitar os novos contratos de conservación ordinaria no primeiro trimestre do ano, e formalizar os contratos arredor de outubro ou novembro de 2025. Deste modo, garántese unha axeitada conservación e xestión das infraestruturas en todo momento, e permite ordenar o proceso de subrogación do persoal. 

Vías de altas prestacións 

A Xunta de Galicia conta hoxe con máis de 527 quilómetros de vías de altas prestacións de titularidade autonómica,  destacando que en 2025 seguirán avanzando eixes como o de Tui-A Guarda, Nadela-Sarria e Santiago-A Estrada. A Xunta agradece ás concesionarias destas vías a súa colaboración e compromiso, subliñando o seu esforzo investidor en momentos de dificultade económica e a súa disposición para chegar a un acordo favorable para o rescate das infraestruturas. 

A operación enmárcase dentro dunha estratexia coherente coas políticas de infraestruturas desenvolvidas pola Xunta nos últimos anos, que inclúe a construción de 215 quilómetros de vías de altas prestacións libres de peaxe desde 2009, garantindo que o 85 % dos galegos teñan acceso a unha destas vías a menos de 15 minutos dos seus fogares, así como o mantemento dunhas baixas tarifas nas peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo e do Val Miñor. 46