domingo, 1 de diciembre de 2024

Licitados pola Xunta Proxectos de Interese Autonómico para o desenvolvemento de solo residencial para 15.110 vivendas, delas 1.640 en Ourense

 

O pasado venres o Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta licitou, por un importe de 2,6 M€, a redacción dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) para o desenvolvemento de solo residencial para as primeiras 15.110 vivendas previstas na Estratexia Galega de Solo Residencial nos concellos de Vigo, Pontevedra, Santiago, Ourense, Lugo, A Coruña e Arteixo. Os ámbitos onde se desenvolverá solo suman unha superficie total de 1,5 millóns de metros cadrados, e a previsión da Xunta é a de iniciar no 2028 as obras de urbanización nas parcelas onde se construirá vivenda.

A licitación inclúe a redacción dos proxectos de interese autonómico, do proxecto de expropiación e de parcelamento para a obtención de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas protexidas nos citados concellos. As empresas poderán presentar as súas ofertas con prazo ata o 8 de xaneiro.

En concreto, o solo que vai urbanizar a Xunta terá capacidade para aproximadamente 15.110 novas vivendas.

En Ourense urbanizarase solo para para o desenvolvemento de solo residencial para 1.640 vivendas no barrio do Vinteún nun espazo de 16 hectáreas.

A previsión da Xunta é ter adxudicados os contratos de redacción dos proxectos ao longo do vindeiro 2025, a fin de aprobar os PIA en xullo do 2026 e iniciar a continuación o proceso de expropiacións, entre ese ano e o 2027. Os proxectos de urbanización redactaranse entre febreiro e novembro de 2026 e, finalmente, as obras de urbanización comezarán no 2028.