Dí así: “O PP
da provincia de Lugo impulsa unha ofensiva con iniciativas en distintas cámaras
para esixir ao Goberno de Pedro Sánchez “garantir a comunicación dos veciños e
veciñas de Santo Estevo do Sil” e “non deixalos illados” pola supresión, coas
obras de modernización da liña Ourense-Monforte, do paso a nivel sinalizado e
autorizado antes das obras e a colocación de vallas metálicas en ambas marxes.
Un dos veciños da aldea co que os deputados nacionais
manteñen contacto confirmou nunha reunión que mantiveron por videoconferencia
que xa estaban instaladas as vallas metálicas que impiden cruzar a vía e que,
polo tanto, impiden a comunicación con vivendas e propiedades.
Deste xeito, a única alternativa é dar un gran rodeo
por un camiño privado de escarpada pendente e usar unha escaleira de 81
chanzos, polo que é inviable para persoas con mobilidade reducida. Ademais,
este peche bloquea a única saída de evacuación posible para os residentes,
visitantes e usuarios do tren dende este núcleo que se sitúa en zona inundable
-igual que a propia estrada que comunica coa aldea- por estar nunha cota máis
baixa que a presa de Santo Estevo do Sil situado a pouco máis 2 km.
O PP xa ten manifestado a súa preocupación e incluso
fai unhas semanas os deputados nacionais e outros compañeiros en representación
do Partido Popular da provincia, xunto aos membros do goberno local que
comparten no propio día a día a situación dos afectados, achegáronse para
coñecer in situ a situación e escoitar aos propios veciños.
Ante o que consideran unha “inxustiza”, os populares
xa pediron explicacións ao Goberno de Sánchez dende o Congreso e o Senado sobre
as medidas que pensaba adoptar para habilitar un paso peonil para posibilitar a
conexión dunha marxe coa outra da liña. Pero, “lamentablemente, o Goberno de
Sánchez desoíu as reclamacións dos veciños, as do alcalde e tamén as nosas, que
son as mesmas, e seguiu adiante coa colocación do peche metálico que fai
efectivo o impedimento para comunicar coas vivendas e propiedades dos veciños e
veciñas do lugar”. Con todo, “continuaremos defendendo o dereitos dos nosos
veciños e veciñas cos mecanismos que temos nas nosas mans”, incidiu o deputado
lucense Francisco Conde.
COMUNICACIÓN E SEGURIDADE
De feito, o proxecto para o tratamento de plataformas
e cruces entre plataformas no tramo Ourense-Monforte contemplaba actuacións en
distintas estacións e apeadoiros. Un dos casos próximos é o que se dá na
estación de Canabal, no municipio veciño de Sober, onde ADIF construíu un paso
peonil inferior baixo as vías para dar alternativa ao paso superior que existía
con anterioridade de forma que se garanta a comunicación entre ambos lados.
Os populares, que presentarán tamén iniciativas no
Parlamento de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello de Pantón, agardan o
apoio a esta iniciativa por parte dos representantes da nosa provincia por
outras forzas políticas."