Alfonso Rueda, destacou hoxe que a reapertura desta infraestrutura, mellorará as conexións de Galicia coa meseta tras máis de tres anos de obras. “Hoxe é un día moi importante para Galicia, Castela e León e toda España porque esta infraestrutura vertebra ao noso país e une dúas comunidades irmáns”, salientou.
Rueda destacou que a posta en marcha deste treito supón unha “boa noticia” para “os cidadáns, os transportistas e as empresas” ao tempo que recoñeceu a complexidade dos traballos e agradeceu que o Goberno central aceptase, finalmente, as reclamacións de Galicia para que se acometese a reconstrución dos dous viadutos polo procedemento de emerxencia, toda vez que esta é unha vía vital para a conexión de Galicia que quedou relegada, durante estes anos, ao emprego dun só carril.
O presidente reflexionou tamén sobre a necesidade de
empregar esta experiencia como aprendizaxe, de cara a seguir afondando nun
diálogo permanente coas comunidades en materia de infraestruturas e en
continuar investindo en prevención para evitar sucesos coma este. “Temos que
aprender dos erros e dos acertos. É fundamental, construír e conservar ben, é
dicir, planificar as infraestruturas”, indicou.
Neste sentido, salientou o compromiso da Xunta coa
planificación e conservación de infraestruturas. Rueda lembrou que no 2025 se
chegará a unha cifra récord de “70 millóns de euros para conservación de
estradas”, que a Xunta vén de “rescatar catro autoestradas con peaxes en
sombra” e que vai subir “o mínimo” as peaxes nas autovías autonómicas, mantendo
a conxelación dos anos anteriores. Deste xeito, a AG-57 e a AG-55 seguirán
sendo das máis baratas de España.
Por iso, pediu
ao Goberno central a mesma vontade política e, especialmente, reivindicou a
necesidade de avanzar por fin no rescate e transferencia da AP-9.