O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a integración dos 58.328 mutualistas de Muface existentes na comunidade no Servizo Galego de Saúde suporía “un investimento extra de 170 millóns de euros ao ano e incrementar en case 12 días a espera media para operar e en 4 días o acceso á primeira consulta co especialista”.
O Consello da Xunta
avaliou hoxe o informe elaborado pola Consellería de Sanidade en que se recolle
o impacto que suporía a integración no sistema sanitario público dos pacientes de Muface. Tal e como indicou o
presidente, incorporar a preto de 60.000 novos pacientes “implicaría un aumento
da actividade e a necesidade de incrementar recursos e persoal”.
O impacto a nivel
económico estimado para o Servizo Galego de Saúde sería de 169,3 millóns de
euros ao ano. Tal e como se desprende do informe, o incremento do gasto anual
en atención primaria sería de 49,6 millóns de euros, de 67,9 millóns en
atención hospitalaria e de 51,8 en gasto farmacéutico.
Ademais, tal e como explicou o conselleiro de
Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a incorporación dos mutualistas ao Servizo
Galego de Saúde suporía un incremento “entre un 2 e un 3% da actividade
asistencial”.
No caso da
actividade de atención primaria terá un aumento do 2,2%, tanto en consultas de
medicina familiar e comunitaria como de enfermaría, e dun 0,65% en pediatría.
Concretamente, a actividade asistencial en atención primaria en preto de
540.000 consultas, entre as 221.706 consultas de enfermaría máis que habería,
as 307.248 de medicina de familia, e as 10.694 de pediatría. Isto implicaría ter que destinar 27 millóns
de euros máis á medicina de atención primaria e 22,6 millóns extra a consultas
e coidados de enfermaría, tendo en conta, ademais, a escaseza de médicos.
Máis cirurxías e
urxencias
En canto á atención
hospitalaria, en 2023 o Servizo Galego de Saúde realizou 213.612 intervencións
cirúrxicas. Asumir os mutualistas de Muface suporía realizar 5.756 máis ao ano,
o que implica un incremento na actividade en quirófano do 2,7%.
En consultas
externas, o incremento suporía case un 2,1%, que se sumarían ás 5.767.227
consultas realizadas o ano pasado.
En canto á
hospitalización, habería 6.351 ingresos adicionais cunha estancia media de 7,5
días. A repercusión económica deste incremento sería de 13,3 millóns de euros
en cirurxías, 11,2 millóns en consultas externas e de 25,2 millóns en
hospitalizacións.
No referente a
probas de diagnóstico realizadas nos hospitais públicos galegos, o
transvasamento dos mutualistas ao sistema sanitario público suporía a
realización de, como mínimo, 93.027 probas máis.
O aumento previsto
en radioloxía convencional sería do 3%, tendo en conta que en 2023 se
realizaron máis dun millón e medio de radiografías; en ecografías, o incremento
sería dun 2,6%, das 385.010 que se fixeron o ano pasado; en TAC, o incremento
previsto é do 2,9%, con respecto aos 328.961 de 2023; e en resonancias
magnéticas, tendo en conta as 119.943 radiografías do pasado ano, o incremento
de actividade sería do 2,6%.
O seu custo sería
de 9,8 millóns de euros. Tendo en conta a idade dos pacientes de Muface, o
Servizo Galego de Saúde calcula que a súa incorporación á sanidade pública
impactaría na lista de espera cirúrxica en 11,4 días máis con respecto á media
actual.
No caso da espera
para primeiras consultas externas, o incremento polo aumento de poboación
atendida sería de 4,3 días máis.
A Consellería de
Sanidade tamén realizou unha análise da repercusión que suporía asumir os
mutualistas de Muface nas urxencias dos hospitais públicos, calculándose en
23.399 o número de urxencias que se corresponderían a esta poboación. Cómpre
ter en conta que en 2023 foron atendidas 1.140.340 urxencias hospitalarias,
incluíndo pediatría e adultos. O incremento no gasto en urxencias hospitalarias
da sanidade pública que suporía a incorporación dos mutualistas sería de 8,5
millóns de euros. Preto de 3 M€ ao mes en receitas No caso de que o Goberno
central decidise eliminar os concertos sanitarios para mutualistas de Muface,
Galicia tería que destinar 51,8 millóns de euros máis a gasto farmacéutico. O
número de prescricións anuais adicionais que habería que asumir en receitas
podería superar o millón de receitas máis cada ano. Tendo en conta que o gasto
medio por paciente ao mes é de 72 euros no caso de maiores de 65 anos, o
incremento sería de 2,1 millóns de euros mensualmente. No caso de menores de
65, o gasto é de 10,58 euros de media ao mes, polo que o incremento está
calculado en 768.000 euros cada mes. Deste xeito, o gasto anual en receitas
para os novos pacientes procedentes de Muface superaría os 35 millóns de euros.
No que respecta á
farmacia hospitalaria, a cifra rolda os 16,7 millóns de incremento. A Xunta avaliou outros aspectos que se deben
ter en conta, como a posible ruptura da continuidade asistencial dos pacientes,
xa que tal e como explicou o conselleiro “o sistema sanitario privado non conta
cunha historia clínica equiparable ao Ianus do Servizo Galego de Saúde”. Para
evitar esta situación sería necesario incorporar os últimos cinco anos da
historia clínica dos pacientes de Muface nos sistemas de información do
Sergas.
Do total de
mutualistas de Muface que actualmente elixiron un seguro privado, 10.250
persoas teñen máis de 75 anos. A media de idade destes asegurados é de 56,8
anos, mentres que a idade media de mutualistas que xa optaron polo Sergas é de
42,6 anos.
Rueda demandou
“información, planificación e coordinación co Ministerio de Sanidade”. Nesta
liña, o conselleiro salientou a importancia de que a posible incorporación
destes mutualistas se realice “de xeito progresivo e escolanado para non
colapsar algúns servizos”.