Onte o bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet, participou en Santiago na presentación da nova edición do Misal Romano en Lingua Galega, como coordinador da mesma e como presidente da Comisión de Liturxia da Conferencia Episcopal. No Museo das Peregrinacións en Santiago de Compostela tiña lugar este acto no que participaron o arcebispo de Santiago, Mons. Francisco José Prieto e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Terceira edición do Misal Romano
A presente versión en lingua galega do Missale Romanum, actualizada de acordo coas indicacións do Dicasterio para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos, foi aprobada na CXVII Asemblea Plenaria do Episcopado Español celebrada do 19 ao 23 de abril de 2021 e confirmada polo Dicasterio para o Culto Divino o 3 de marzo de 2022.
Esta terceira edición do Misal Romano é a continuación das outras dúas publicadas despois do Concilio Vaticano II (nos anos 1970 e 1988 respectivamente). Esta edición supón un notable enriquecemento en relación coas anteriores; de feito, a terceira edición ofrece unha tradución ao castelán con abundantes cambios de expresión, retoques e precisións, todo isto para preservar a fidelidade ao texto latino orixinal de 2008. Así mesmo, tamén se enriqueceron as rúbricas para facilitar a súa comprensión e desenvolvemento dentro da celebración.
Na súa intervención, Mons. Francisco José Prieto destacou a importancia histórica e cultural da lingua galega na liturxia, lembrando un camiño que comezou en 1963 co Concilio Vaticano II, que permitiu o uso de linguas vernáculas na liturxia romana. O prelado compostelán subliñou fitos significativos, como a aprobación do galego como lingua litúrxica en xaneiro de 1969 e o Concilio Pastoral de Galicia en 1976, que avogou pola promoción do galego como un valor humano e unha ferramenta de evanxelización. Lembrou as palabras do Concilio que instaban a todos os cristiáns a participar na promoción do galego, non só na liturxia, senón tamén no ámbito cultural.
Mons. Prieto tamén mencionou o apoio institucional recibido ao longo dos anos, incluíndo a colaboración da Xunta de Galicia e as deputacións provinciais, que fixeron posible a primeira edición do Misal Romano en galego en 1987, así como a recente reedición actualizada de 2023. Finalmente, enfatizou que a lingua galega é máis que unha cuestión lingüística; é unha forma de ser, vivir e expresar a fe. Fixo un chamado a continuar coa pedagoxía gradual e progresiva do uso do galego na liturxia, como corresponde á Igrexa e a toda a sociedade galega.
Pola súa parte, o Bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet, destacou o valor histórico e cultural da lingua galega na liturxia, lembrando os documentos do Concilio Pastoral de Galicia e o apoio de varias dioceses na promoción do uso do galego.
Subliñou que o Misal non é só un libro máis, senón unha obra técnica que require unha realización especializada. Mencionou que a edición actualizada do Misal Romano seguiu estrictas indicacións do Vaticano e incorporou normas da congregación para o culto divino.
Tamén destacou a calidade técnica e ambiental do libro, sinalando que está impreso con tintas respectuosas co medio ambiente e materiais de alta durabilidade. Mons. Lemos invitou a redescubrir a beleza da liturxia e a fomentar unha maior sensibilidade cara á incorporación progresiva do galego na liturxia ordinaria.
Concluíu a súa intervención agradecendo a todos os que traballaron neste proxecto, recoñecendo especialmente a Mons. Francisco José Prieto, quen colaborou no proxecto antes de ser nomeado arcebispo.
Finalmente, José López Campos resaltou que con este Misal se favorece a dinamización da lingua galega no ámbito litúrxico, facilitando que os sacerdotes poidan oficiar as cerimonias relixiosas católicas en galego, achegándose así ás persoas galegofalantes e tamén prestixiando o idioma.
Ademais de garantir os dereitos lingüísticos das persoas que asisten aos rituais relixiosos, López Campos afirmou que hai que ter en conta que a igrexa en Galicia ten unha gran capacidade de chegar a grandes grupos de xente, tanto grandes como pequenos.
Deste xeito, lembrou que o seu obxectivo co Pacto pola lingua galega é abarcar todos os ámbitos posibles, aqueles nos que convive a nosa sociedade. Durante o acto de presentación, López Campos agradeceu a implicación e colaboración do arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, con quen xa mantivo un encontro hai unhas semanas para traballar en prol do uso da lingua galega no ámbito eclesiástico.
O galego nas cerimonias relixiosas
Este mesmo ano celébranse os 55 anos da liturxia en galego, o que significou un fito importante para a nosa lingua ao recoñecela para o culto relixioso. Foi en 1963 cando o Concilio Vaticano II aprobou o uso das linguas vernáculas, aceptándose cinco anos máis tarde o galego na liturxia nas dioceses de Galicia. Sería en 1969 cando a nova conseguiría repercusión entre a sociedade e cando se produciron as primeiras traducións á lingua dos textos relixiosos como a Biblia ou o Misal Romano.