Allegue subliñou a este respecto que a Xunta enviará unha carta ao ministro Óscar Puente para que atenda as demandas de Galicia e estude a oportunidade do rescate da principal vía de vertebración da comunidade.
Recordou que a Xunta remitiu en setembro ao Ministerio de Transporte o estudo sobre o custe da transferencia e do rescate da AP 9, que conlevaría tamén a gratuidade do viario. Precisou que a situación hoxe é diferente porque aquel informe “partía dun custo de bonificacións para o ano 2025 de 56,3M€ e o Ministerio elévao a máis de 81M€”.
Neste sentido, con estas novas cifras, o custo da indemnización por rescate aplicando unha taxa de desconto (2.331 M€) e o custo das bonificacións ata final de concesión, aseméllanse de xeito considerable, polo que o Ministerio debe reflexionar acerca da oportunidade de levar a cabo o rescate da concesión.
Remarcou que realizar todo o traxecto da AP-9 pasou de 25,5€ a 26,85€, un aumento polo tanto de 1,35 euros. Concretou que, por exemplo, a tarifa da viaxe entre Vigo e A Coruña subiu de 19,40 a 20,45€, un 5,41% máis.
Destacou que estes incrementos nas peaxes están a repercutir na competitividade das empresas, tal como tamén sinalaron os usuarios do viario.
Lamentou que a AP-9 conte coas peaxes máis caras de todo o territorio nacional, existindo “un evidente agravio comparativo que a Xunta vén denunciando dende hai tempo, fronte ao silencio dun Ministerio que ignora ás demandas desta comunidade”.
Asistentes
No encontro celebrado hoxe estiveron
representados a Confederación de Empresarios de Galicia, co seu presidente Juan
Manuel Vieites; Fegatramer, con varios asistentes, entre eles os portavoces
Ramón Alonso e José Carlos García; ademais de Agtamar-Upta; Apetamcor (Asociación
Empresarial de Transporte de Mercancías por Estrada de Galicia); Fegabús (Federación
Galega de Servizos de Transportes en Autobús); Transgacar (Federación Galega de
Asociación de Transporte de Viaxeiros en Autocar); Fegatravi (Federación Galega
de Transporte de Viaxeiros)e Galibús (Asociación Empresarial de Transporte de
Viaxeiros por Estrada de Galicia).