Está mañá San Domingos de Bonaval acolleu un acto cívico que abre a celebración da conmemoración do 75 aniversario do pasamento de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950), figura senlleira da cultura e política galegas. Compre lembrar que a Xunta acordou declarar 2025 como Ano Castelao co gallo deste cabodano e como mostra de gratitude do pobo galego a esta ilustre galeguista.
“Castelao convócanos sempre e únenos a todos” afirmaba neste acto Miguelanxo Seixas en no nome da institución que preside, a Fundación Castelao.
Comparto ao cento por cento o que escribe hoxe nunha Tribuna o Presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes: "Sen dúbida a gran figura política e cultural da Galicia contemporánea. Xunto con Rosalía de Castro, Castelao é o primeiro referente da galeguidade. Rosalía de Castro no século XIX. Castelao no século XX.
Moi poucas personalidades concitan tanto recoñecemento e adhesión como Castelao. Xa en vida. O pé do debuxo do álbum Nós (1920) que representa un coloso en construción rodeado de escadas e obreiros resume a súa filosofía: “Non lle poñades chatas á obra namentres non se remata. O que pense que vai mal, que traballe nela. Hai sitio para todos”.
Esta idea dun proxecto común (Galicia) en permanente proceso de construción, que demanda a participación de toda a comunidade, mesmo por riba de diferenzas cativas, é un discurso que repetiu ao longo de toda a súa vida e que plasmou nesoutro documento fundamental: a “Alba de Gloria” do ano 1948, pouco antes do seu falecemento.
Galicia somos todos e todas. A cultura galega é un proxecto en construción que se expresa en formas e con sensibilidades diferentes. Vivimos un tempo de grandes desafíos que debemos afrontar dende a esixencia crítica e con afouteza, dende o traballo e con ilusión, mais tamén con espírito aberto, pois somos unha parte do mundo, non unha illa, e coa casa disposta a recibir a quen quere vir traballar nela, sen sectarismos, sen exclusións. Tal é o espírito que a obra de Castelao nos transmite."
https://academia.gal/-/tribuna/ano-castelao?redirect=%2Finicio
https://consellodacultura.gal/noticia.php?id=10962&tipo=noticia
Toda a miña admiración por Castelao, a cuxa obra literaria, artística e política aproximeime por primeira vez nos meus anos universitarios en Santiago de Compostela.
O seu galeguismo integrador co que síntome plenamente identificado debería estar hoxe mais vixente que nunca e espero que os actos que se celebren neste Ano Castelao contribúan a iso.
Ilustro esta entrada cunha foto de Castelao que permaneceu sempre exposta no meu despacho profesional de avogado desde que o abrín en 1985. E as outras fotos son do exemplar de "Sempre en Galicia" que comprei un 27 de novembro de 1985- fai trinta e nove anos - e que gardo na miña biblioteca.
26-1-1986. Eu diante do busto de Castelao en Rianxo |