Na nota de prensa
difundida na web dan conta de que:
“Tanto a
economía galega como a española presentan no último trimestre de 2024 un maior
dinamismo que o conxunto de países da UE e da zona euro, ao medrar no terceiro
trimestre de 2024 un 0,8% respecto ao trimestre anterior, o dobre do
experimentado no ámbito europeo. En termos anuais, o PIB medra en Galicia un
2,8%, cinco décimas inferior á media española, sendo esta porcentaxe novamente
superior á estimada para o conxunto da Unión Europea (1%). Cómpre mencionar
que Alemaña, a principal economía europea, presenta por quinto trimestre
consecutivo unha contracción da súa actividade”
O informe indica que “Galicia
presenta un crecemento do PIB real máis equilibrado que en España ou na
Unión Europea. A demanda externa achega 1,6 puntos fronte a 1,2 puntos no caso
da demanda interna, o que contrasta coa economía española, onde a demanda
interna contribúe con 2,8 puntos. O cadro macroeconómico galego reflicte a
caída do gasto en consumo privado por segundo trimestre consecutivo, o que
contrasta coa medra importante en España, manténdose o gasto público como a
compoñente de maior dinamismo, ao mesmo tempo que aumenta o investimento. No
concernente á demanda externa as exportacións increméntanse un 4,3%, tres
puntos por riba do estimado para as importacións (1,3%).
Dende o punto de
vista da oferta, a construción sitúase como o sector de maior crecemento en
Galicia, cun 3,5%, dúas décimas máis que o estimado para a industria e os
servizos, o que contrasta coa contracción rexistrada no sector primario
(-2,8%). Asemade, destaca o crecemento do 4,2% da industria manufactureira en
contraposición coa caída estimada no trimestre anterior. O diferencial de
crecemento da economía española ven explicado polo mellor comportamento de
todos os sectores agás na construción, sendo especialmente significativa a
desigual evolución no sector primario (medra un 8,3% en España).
O mercado do traballo
O maior
dinamismo da actividade económica no terceiro trimestre do ano non se traslada
na mesma intensidade ao mercado de traballo, quen presenta unha significativa
ralentización nos catro indicadores da ocupación: poboación ocupada,
afiliacións, postos de traballo equivalentes a tempo completo e horas
traballadas.
En termos
agregados, o comportamiento do emprego é positivo. Aumenta lixeiramente tanto a
participación das persoas no mercado laboral como na ocupación, situándose a
taxa de paro por baixo do 9% por primeira vez dende o ano 2008.
Tamén
mellora a calidade do emprego atendendo á redución da temporalidade. Con
todo, estes datos teñen que ser matizados tendo en conta que Galicia se
mantén entre as CC.AA. con menores taxas de actividade e ocupación, e que a
Comunidade amosa menor dinamismo na creación de emprego que o conxunto do
Estado.
O informe
constata un crecemento da poboación activa no terceiro trimestre do ano (0,8%),
provocada en maior medida polo incremento da actividade entre as mulleres, con
7.900 persoas activas máis que no mesmo período do ano precedente (1,3%), o
que contrasta co descenso experimentado no trimestre anterior.
Os datos
recollidos da EPA amosan un balance positivo do mercado laboral galego, que
estaría determinado polo feito de que todo o emprego creado é emprego
indefinido e no sector privado. Asemade, cómpre resaltar que a creación de
emprego prodúcese maioritariamente entre as mulleres, ainda que no que ao
desemprego se refire, as taxas de paro amosan que o desemprego segue a afectar
en maior medida ás mulleres e as persoas menores de 25 anos, estranxeiros e con
estudos primarios.”
https://foroeconomicodegalicia.es/actividad.html?a=254&c=1