viernes, 10 de enero de 2025

Inaugurado o aparcadoiro protexido no polígono de San Cibrao das Viñas.


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a aposta da Xunta por mellorar a seguridade e condicións laborais dos e das transportistas coa posta en marcha da primeira rede española de estacionamentos seguros para vehículos pesados que bota a andar cun aparcadoiro protexido no polígono de San Cibrao das Viñas.

Durante a inauguración do novo estacionamento, o presidente resaltou que este tipo de espazos están a deseñarse ademais con perspectiva de xénero co obxectivo de fomentar a incorporación das mulleres a unha profesión aínda moi masculinizada. “Hai poucas mulleres transportistas e un dos motivos é a necesidade de infraestruturas que garantan a seguridade mentres pernoctan”, indicou Rueda.


O novo aparcadoiro seguro de San Cibrao -froito da colaboración entre Xunta, Deputación de Ourense e os empresarios do polígono- conta con 59 prazas nun recinto con perímetro pechado, control de acceso por matrícula, videovixilancia e unha área exclusiva para mulleres con vestiarios e aseos propios así coma un botón de emerxencia que conecta directamente co 016.


“Trátase dunha infraestrutura moi demandada polo sector e que imos repetir noutros polígonos das catro provincias”, indicou Rueda. O obxectivo do Goberno autonómico é chegar as 1.500 prazas para transportistas en aparcadoiros seguros e protexidos. Con este obxectivo, neste ano haberá unha convocatoria de axudas para a habilitación deste tipo de espazos para vehículos pesados, dotada de 500.000 euros e que permitirá a creación de 250 prazas.


Na súa intervención, Rueda salientou o apoio do Goberno autonómico ao tecido produtivo de Galicia que son os que “xeran riqueza e emprego” a través de medidas coma a “Oficina Económica de Galicia” que permite axilizar os trámites para poñer en marcha un proxecto empresarial.