viernes, 17 de enero de 2025

Rueda destaca o novo Plan de Turismo Termal como folla de ruta para afianzar a Galicia como potencia no sector con máis de 10 M€ ata 2028

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o novo Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028 como unha estratexia clave para consolidar á comunidade como unha potencia no ámbito do turismo de saúde e benestar, tanto a nivel estatal como europeo. “Galicia Calidade ten unha das súas manifestacións no termalismo, un tesouro que é unha marca de identidade e unha oportunidade”, sinalou.


Durante a presentación do plan, Rueda salientou que este Plan - co que se pretende sentar as bases para seguir modernizando, diversificando e fortalecendo un sector clave tanto para o turismo e a economía galegas- estará dotado de “10 millóns de euros”.

Galicia é a segunda rexión de Europa con maiores reservas de augas mineromedicinais e conta co 20% da oferta termal de toda España.  O presidente da Xunta asegurou que o termalismo ten un papel protagonista no auxe da desestacionalización do turismo na comunidade, un dos obxectivos que se enmarcan na Estratexia de Turismo de Galicia 2030 do Goberno galego. De feito, máis do 60% das visitas realízanse fóra da temporada alta.

Rueda resaltou que o termalismo é fundamental para seguir atraendo turistas a Galicia “de forma ordenada e con sentidiño”. “Somos unha terra acolledora, aquí non sobra ninguén”, indicou para defender a promoción do termalismo desde o punto de vista “social, sanitario e empresarial”.



Catro grandes eixos

O novo Plan estrutúrase arredor de catro grandes eixos estratéxicos que marcarán a folla de ruta nos próximos anos. En primeiro lugar, ponse o foco no coñecemento e a innovación, mediante a creación dun observatorio de investigación, manuais de boas prácticas e programas de formación especializada, co obxectivo de facer o sector máis sostible e rendible. 

O segundo eixo céntrase no investimento e modernización, incluíndo unha partida de 8 millóns de euros destinados a mellorar as infraestruturas e servizos existentes, así como para a creación de novas instalacións que completen a oferta actual. 

O terceiro eixo aposta pola xestión e colaboración, promovendo unha coordinación efectiva entre as distintas administracións implicadas e aproveitando recursos como os fondos europeos Next Generation, que fan posible impulsar Plans Territoriais de Sostibilidade Turística na comunidade. 

Por último, o cuarto eixo estará enfocado na promoción e diversificación do produto, con iniciativas innovadoras como o programa Galicia Spa Pilgrimage, que combina a experiencia do Camiño de Santiago coa oferta termal galega para ofrecer novas alternativas turísticas.