Onte a Deputación
de Ourense presentou a primeira Oficina Termal AVE de España, situada na propia
Estación Ourense Empalme grazas a un acordo acadado pola institución provincial
(a tráves da Área de Benestar) con ADIF a finais do pasado ano 2024.
Trátase,
en palabras de Luis Menor, “dunha nova acción innovadora para promocionar o
Termalismo provincial”, motivo polo que amosou o seu agradecemento á Área de
Benestar da Deputación polo seu afán en innovar no ámbito termal.
O presidente provincial asistiu á apertura desta pioneira instalación en compañía do presidente do Inorde, Rosendo Fernández, do director da Área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, e de representantes de balnearios da provincia, entre os que estaba o director xerente de Caldaria, Javier Soto, quen a calificou de “excepcional para todo o sector ouresán e un antes e un despois para a promoción do termalismo da nosa provincia”.
Despois de realizados todos os trámites administrativos co administrador ferroviario e a posterior adecuación do espazo, situado na propia entrada principal da estación (con acceso desde o vestíbulo central), a Oficina ten o obxectivo de promocionar os balnearios da provincia e o Programa de Termalismo social provincial 2025, do que se iniciou recentemente o prazo de solicitudes.
Noutras estacións de tren existen xa puntos de información
turística xeneralistas, pero o caso de Ourense será o primeiro de toda España
especializado en balnearios e nun programa de termalismo social, tal e como
precisou o presidente provincial, Luis Menor. A Oficina Termal AVE será
fundamentalmente dixital e terá un horario de apertura idéntico á propia
estación, de 6:30 a 23:30, 17 horas diarias. Esta oficina experimental arrinca
cunha formulación inicial de permanecer aberta durante 18 meses, período no que
se realizarán varias avaliacións intermedias para analizar se a Oficina cumpre
os seus obxectivos.
Espazo
por e para os balnearios
A Oficina Termal, en palabras do director da Área de Benestar,
José Juan Cerdeira, “será un espazo por e para os balnearios da provincia” e
espérase que contribúa a que os centos de miles de persoas que anualmente pasan
pola estación de tren ourensá coñezan mellor a realidade termal da provincia,
que poidan acceder a promocións, e sobre todo, que asocien a alta velocidade
ferroviaria como posibilidade de mobilidade e proximidade aos balnearios da
provincia de Ourense.
De feito, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor,
cifrou o obxectivo xeral da Oficina Termal: que a súa porta sexa cruzada neste
2025 por 100.000 persoas que obteñan información dos balnearios da provincia e
do programa de termalismo provincial. Segundo o recente balance de pasaxeiros
por estacións publicado por RENFE, 2.205.864 subíronse ou apearon na Estación
de Ourense ao longo de 2024. Deles, 1.124.971 pasaxeiros utilizaron a liña a
Madrid mentres que 1.079.893 computáronse no corredor Avant a Santiago e A
Coruña.
Espazo
promocional
A Oficina será un espazo por e para os balnearios. Aínda que
estea coordinado desde a Deputación, estará a plena disposición dos centros
termais, non só para que teñan información dos seus servizos balnearios, senón
tamén para que poidan realizar promocións ou eventos na estación.
A Oficina Termal como espazo físico pretende achegar aos seus
visitantes aos balnearios a través de diferentes referencias aos centros
termais. A nivel de localización, recréase ambiente de natureza, por iso é polo
que o “céspede” sexa un elemento con referencias á contorna verde no que se
sitúan os balnearios, complementado con elementos de ornamentación vexetal que
xeren atractivo visual e interese por traspasar a porta da Oficina, invitación
que se ve apoiada no son de auga que traspasa o limiar e contextualiza o
ambiente das piscinas de auga mineromedicinal. As referencias visuais
complétanse con albornoces e sandalias como elementos de decoración e de
identificación clara cos balnearios.
Sistema
de monitorización e seguimento de obxectivos
Desde o día 20, data da apertura ao público xeral, vai ser
medido xa que a Oficina disporá dun sistema de contabilización automática e
dixital das persoas que a visitan, de maneira que non só póidase totalizar o
número de persoas que traspasan o limiar da oficina, senón que se rexistrará de
maneira anonimizada a hora das entradas, o que permitirá monitorizar o número
de visitantes por cada día da semana e franxa horaria; cruzando estes datos cos
horarios de chegada e saída de trens poderase estimar e poñer en coñecemento
dos balnearios as horas de maior afluencia na Oficina para poder realizar
promocións ou eventos nos mesmos.
Ademais, a maior parte da información termal da Oficina será
dixital e accesible a través de códigos QR, o que permitirá coñecer o número de
descargas individual, en función diso decidirase mensualmente que tipo de
información é de maior interese e cal hai que ampliar, manter ou reducir.