miércoles, 5 de febrero de 2025

A Xunta conta coas autoestradas autonómicas coas peaxes máis baixas de España grazas ás conxelacións de tarifas e bonificacións e aplicadas desde 2010

 

A Xunta conta coas autoestradas autonómicas coas peaxes máis baixas de España grazas ás conxelacións de tarifas e ás bonificacións aplicadas desde 2010.

Nas autoestradas autonómicas, a AG-55 (A Coruña-Carballo) e a AG-57 (Val Miñor), tal como explicou no Parlamento o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, o Goberno galego foi ademais pioneiro en habilitar descontos no traxecto de volta nas seguintes 24 horas á ida, e non só no día natural.

Sinalou que hai bonificacións adicionais en horario nocturno, pensando especialmente nas mercadorías, e tamén descontos para familias numerosas.

Fixo fincapé en que a Xunta leva anos compensando o impacto da suba do IPC, reducindo en 2022 á metade o aumento das tarifas e no 2023 e 2024, conxelándoas. Así, indicou que se manteñen rebaixadas as peaxes “moi por debaixo do que sería aplicable de acordo co contrato concesional, e é sobre estas peaxes reducidas sobre as que se aplican as bonificacións”.

Salientou esta diferenza con respecto á autoestrada estatal AP-9, na que o Goberno aplica as bonificacións sobre tarifas que incrementan de modo desbocado. Lamentou que na outra autoestrada estatal, a AP-53 (Santiago- Dozón) non hai ningún desconto.

Remarcou que todo o traxecto da AP-9 pasou de  25,5€ a 26,85€, un aumento de 1,35€. Concretou que a viaxe entre Vigo e A Coruña subiu  de 19,40 a 20,45€, un 5,41% máis.

Subliñou que estes incrementos están a prexudicar a competitividade económica, tal como trasladaron hai tres semanas representantes do sector do transporte, autónomos, empresarios e usuarios nunha reunión coa Xunta.

Cómpre lembrar que a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas solicitou unha reunión co Ministerio de Transportes para abordar esta infraestrutura estratéxica. Coa aprobación das novas bonificacións por parte do Ministerio, cuxo custe supera os 81M€, ábrese un novo escenario e o Goberno central debe considerar o rescate da AP-9.

Francisco Menéndez puxo o acento no diferente tratamento do Goberno a outros territorios. Neste sentido, puxo como exemplo a gratuidade que se está a aplicar na AP-7, na circunvalación de Alacante, nunha situación practicamente equivalente á da AP-9 entre Vigo e Tui, e que sen embargo non se materializa no caso galego.

Ademais criticou que vén de ter lugar a  prórroga número 18 no Congreso dos deputados do prazo de emendas á Proposición de Lei de transferencia da AP-9 a Galicia, unha demanda respaldada por unanimidade polo Parlamento galego. 

Apuntou que é unha contradición por parte do Goberno cualificar como urxente esta tramitación no Congreso, pero despois prorrogarse indefinidamente o prazo das emendas.