Asisto esta mañá ao acto ‘Ciencia, Futuro, Galicia’ organizado PPdeG na Tecnópole de San Cibrao das Viñas
Neste acto o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda apostou por “crear un ecosistema innovador con conexión entre o educativo, o científico, o empresarial, o social e a administración pública” que permita a Galicia “competir en igualdade con calquera”.
“Non temos por que renunciar a nada porque xa estamos nunha magnífica posición para seguir avanzando: temos as persoas, temos o talento, temos as políticas e temos o convencemento de que toda esa identidade innovadora tamén é parte da marca Galicia Calidade”, explicou.
Grazas a isto, engadiu, a nosa Comunidade está conseguindo “un salto cualitativo” en todo o tecido produtivo e empresarial. Un éxito no que tamén é determinante o feito de contar con “as políticas dun Goberno que non improvisa, que traballa con ideas claras, con planificación e con ambición”.
Estas políticas tiveron como resultado ao longo destes anos que Galicia sexa a comunidade autónoma na que máis medra o investimento en I+D+i (un 28%, case o dobre que a media do Estado) ou que a día de hoxe 14.000 persoas traballen en eidos relacionados coa investigación.
“Hai moito talento fóra que hai que recuperar e hai que facer todo o posible para que o talento que está aquí en Galicia se encontre cada vez máis cómodo e convencido da potencialidade da nosa terra”, engadiu neste sentido.
Rueda subliñou que a proba de que o Goberno galego “toma moi en serio” esta cuestión é o feito de que este 2025 o orzamento destinado á ciencia en 78 millóns de euros. Un crecemento que se sitúa por riba da media dos Orzamentos da Xunta e que “non tería sentido se non se fai unha transferencia de utilidade e a xente non percibe a importancia de seguir potenciándoo”.
Por iso quixo exemplificar o binomio entre ciencia e futuro abordando a súa repercusión en áreas prioritarias como a saúde, onde a biotecnoloxía xoga un papel fundamental, ou as enerxías renovables, nas que Galicia pode incrementar aínda máis o seu potencial grazas á ciencia.
Mención especial mereceu na súa intervención a Intelixencia Artificial, dado que Galicia será a primeira rexión europea en regular o uso desta nova tecnoloxía a través dunha lei que será debatida a próxima semana no Parlamento e coa que se busca “empregar a IA para mellorar a vida da xente” e “garantir que estea sempre ao noso servizo e nunca ao revés”.
Entre as accións do Goberno galego tamén destacou o recentemente aprobado Plan de investigación e innovación, cuxo orzamento aumenta un 20% respecto ao anterior e se sitúa nos 1.310 millóns de euros. Tamén mencionou o reforzo dos contratos predoutorais a través dun investimento de 32 millóns de euros e as axudas de preto de 30 millóns de euros aos grupos de investigación máis competitivos.
“A Galicia do futuro fana as persoas co seu talento e a súa ambición. Por iso é importante escoitar e coidar aos nosos investigadores, facendo todo o posible para que traballen aquí”, concluíu reiterando este apoio.