Hoxe oo Consello da Xunta aprobou a simplificación do modelo de prego de contratación para as licitacións da Administración autonómica, que permitirá que estas se fagan dun xeito “máis sinxelo e máis rápido”.
A homoxeneización, que afecta tanto os pregos de referencia de obra civil e de obra de edificación como os pregos de referencia de subministración xeral ordinaria, suporá múltiples vantaxes a “empresas e particulares”.
En primeiro lugar, facilitará a comprensión e familiarización co formato e o contido dos documentos. En segundo lugar, o uso de pregos de contratación de referencia, “con independencia da consellería que licite”, tal e como informou o presidente do Executivo autonómico Alfonso Rueda, optimizará os tempos empresariais necesarios para presentar ofertas e analizar as condicións das licitacións na medida en que, unha vez comprendido o modelo nun momento inicial, a confianza en que o articulado xenérico se repetirá en todos os procesos permitiralles ás empresas centrarse directamente nas especialidades de cada procedemento.
Segundo apuntou Rueda, esta medida inclúese na liña emprendida de “reducir a burocracia e intentar axilizar os trámites dos administrados”, algo que xa se está a facer a través da Oficina Económica de Galicia “para proxectos que presenten as empresas” ou mediante a unificación nunha soa orde de axudas de varias convocatorias, poñendo como exemplo recente as dirixidas aos autónomos.
A unificación do modelo de prego axilizará e facilitaralles ás empresas a preparación das ofertas, ao contar coas mesmas variables e parámetros de medición dos criterios de adxudicación e non ter que estudar fórmulas distintas en función da consellería que licite o contrato.
A harmonización da documentación exixida suporá para a Administración a redución dos prazos de tramitación ao ser precisas menos emendas de documentación, o que repercute nunha maior axilidade administrativa.
Estes novos pregos de referencia, ademais, están adaptados aos cambios normativos derivados da entrada en vigor do novo período de programación dos fondos europeos e das modificación da lexislación de contratos do sector público. Deste xeito, inclúen medidas antifraude e de prevención de conflitos de intereses, así como tamén o sometemento ao control das autoridades competentes autonómicas, estatais e europeas.
Cómpre salientar que en 2022 Galicia foi unha das comunidades autónomas pioneiras na aprobación dun catálogo de criterios de adxudicación para contratar obras, criterios que xiran en torno a catro elementos: os que se fundamentan no valor técnico da oferta; os de carácter social e impulso demográfico; os de carácter ambiental e social, e os particulares dos tipos de obra –como as de educación, as de centros de servizos sociais ou as obras que se fan en bens do patrimonio cultural–.
Celebro esta medida que permitirá reducir a burocracia e intentar axilizar os trámites dos administrados.