lunes, 24 de febrero de 2025

Rueda sinala que Galicia deixa de ingresar 127 M€ cada mes pola inacción do Goberno central na actualización das entregas a conta


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que Galicia deixa de ingresar 127 millóns de euros cada mes pola inacción do Goberno central na actualización das entregas a conta.

Tal e como destacou Rueda, esta é unha das conclusións do informe sobre as repercusións na Tesourería da Comunidade do retraso da actualización do importe das entregas a conta do Sistema de Financiamento Autonómico (SAF), que o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, presentou hoxe no Consello de Goberno.

Para o titular do Goberno galego, o próximo Consello de Política Fiscal e Financieira “vai ser unha oportunidade perdida” se non se fala do financiamento autonómico, unha cuestión prioritaria. Neste sentido, a Xunta reclamará ao Goberno nesta reunión a “actualización inmediata das entregas a conta” para que Galicia ingrese as cantidades que se lle deben en función dos tributos que pagan os cidadáns en cada territorio, algo para o que non é preciso ter aprobados os Orzamentos.

Segundo lembrou o presidente, as CC.AA. están a recibir unhas entregas a conta prorrogadas, calculadas a partir da previsión de ingresos do ano 2023, o que supón que cada mes que pasa sen que se actualicen, reciban 1.802 millóns de euros menos do que lles correspondería.

O atraso destas entregas o ano pasado provocou tensións de liquidez na Tesourería da Comunidade galega ás que se tivo que facer fronte con créditos que xeraron custes financeiros de máis de 10 millóns de euros.

A situación estase a repetir este ano, coa falta de Orzamentos Xerais e a negativa do Goberno central a tramitar a actualización das entregas a conta mediante Real Decreto-Lei, o que podería supoñer 14 millóns de euros máis en gastos financeiros ao final de ano. Como consecuencia, a Xunta pedirá a compensación dos custes financeiros nos que se incorre.