viernes, 28 de marzo de 2025

A Xunta saca a licitación a xestión, mantemento e limpeza do parque acuático de Monterrei para a vindeira campaña de verán que comeza o 18 de xuño


Informa hoxe a Xunta de Galicia, que a través da Fundación Deporte Galego, vén de sacar a licitación a contratación da xestión, mantemento básico e limpeza do parque acuático do Complexo Deportivo de Monterrei para a campaña de verán de 2025 que comeza o vindeiro 18 de xuño e estenderase ata o 14 de setembro. Nestes días, as instalacións do parque acuático permanecerán abertas nun horario ininterrompido de 12,00 a 21,00 horas, todos os días da semana. A licitación xa está publicada na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

Como novidade, este ano incorporarase o mantemento do sistema de depuración de auga, cumprindo cos controis e analíticas de auga regulamentarias. A maiores se incluirán os servizos de xestión, mantemento básico e limpeza das instalacións. A prestación destes servizos suporá a contratación de 43 persoas, divididos nas seguintes categorías: 19 persoas socorristas, dúas enfermeiras, tres recepcionistas e outras 19 con funcións de mantemento e limpeza. A Fundación Deporte Galego garantirá a presenza de 16 traballadores de xeito continuado nas instalacións.

O presuposto da licitación será de máis de medio millón de euros (516.005,50 euros), e criterios como a aplicación de políticas empresariais en materia de conciliación terán o seu peso no proceso de adxudicación.

Novas atraccións

Cómpre lembrar que, nas vindeiras datas sairá a licitación a terceira e cuarta fase das obras do parque acuático do Complexo Deportivo de Monterrei para completar o equipamento lúdico e deportivo ampliando a instalación cara o noroeste con novos tobogáns e elementos de multiaventura.

A fase 3 consiste en instalar catro tobogáns de caída libre en paralelo e a fase 4 será un parque multiaventura con elementos de xogos, como tirolesas, cordas, circuítos en altura ou rocódromos. Ademais destes elementos , formúlase dotar ao espazo lúdico que ocupan estas fases de orde e calidade, convertendo esta zona nun gran espazo de relación de convivencia, humanizando e naturalizando a contorna.

Estas dúas fases terán un orzamento de preto de 2 millóns de euros (1.864.883,15 euros). No pasado mes de xaneiro, a Xunta e a Deputación de Ourense asinaron o convenio de colaboración que garante o remate do parque acuático de Monterrei, no concello do Pereiro de Aguiar, cun investimento de case 3,6 millóns de euros por parte da institución provincial. A achega destinarase á execución das tres fases que restan do proxecto ao longo do bienio 2025-2026, de xeito que o orzamento global desta área deportiva e de lecer ascenderá a preto de 13 millóns de euros, dos que 9 millóns foron sufragados pola Xunta de Galicia.

A campaña de 2024, no primeiro ano de funcionamento coa primeira fase completada e con apertura de xuño a setembro, o parque acuático recibiu preto de 100.000 persoas usuarias, o que pon de manifesto a importancia do complexo para a cidadanía da contorna e a atracción de visitantes tanto doutras áreas da provincia como do resto de Galicia e do norte de Portugal