lunes, 31 de marzo de 2025

Rueda asegura que o obxectivo do Plan estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 é consolidalo coma un sector “forte, moderno, atractivo, sostible e de calidade

 

Hoxe o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou o Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dotado de máis de 320 M€ e co que se busca “modernizar, visibilizar e mellorar a competitividade do pequeno comercio”. 

Trátase dunha planificación para os vindeiros anos que recolle 74 accións específicas para promover un sector clave para a economía galega. Tal e como explicou o presidente, Galicia conta “con máis de 32.000 establecementos” comerciais —é a quinta comunidade con maior número— que dan emprego “a unhas 107.000 persoas” e que son fundamentais “para dinamizar vilas e cidades”.

Rueda resaltou que o obxectivo é poñer en marcha un paquete de medidas para consolidar o comercio galego “coma un sector forte, moderno, sostible, atractivo e de calidade”. Pola súa banda, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou que este Plan “busca blindar a competitividade e o futuro” do comercio local na comunidade.

O conselleiro fixo fincapé en que esta folla de ruta absolutamente estratéxica foi froito dun intenso proceso participativo con todo o sector —realizado en colaboración coa Federación Galega de Comercio—  no que a Xunta “colaborou con máis de 300 representantes” de federacións e asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, prazas de abastos, venda ambulante, grandes superficies, artesás, autónomos, cámaras de comercio, persoas consumidoras e Administración local.  

O Plan conta cunha batería de ambiciosas medidas para garantir o seu futuro, grandes accións de visibilidade e dinamización, como —tal e como explicou o conselleiro— “a creación dunha marca unificada do comercio galego” que contribúa a transmitir a calidade e o servizo que presta ou a aposta pola “recuperación de contornas comerciais urbanas de localidades senlleiras” co proxecto singular Vilas vivas. 

A planificación tamén pon o foco de xeito prioritario en potenciar o traballo de importantes axentes do sector para “impulsar experiencias de compra diferenciadas”, como é o caso dos centros comerciais abertos —avanzando na súa profesionalización e rexistro e potenciando a excelencia das propostas— e das prazas de abastos, como auténticos motores do territorio e magníficos escaparates do mellor produto galego de calidade, promovendo o selo Mercados excelentes ou sinerxías cos restaurantes das súas contornas a través da iniciativa Prato de mercado. 

A conexión coa mocidade tamén figura como unha das grandes pancas do Plan e faino nunha dobre vía: por unha banda, con accións específicas como a campaña Localízate, dirixida a que este colectivo xere vencellos de valor co comercio de proximidade; e, pola outra, prestixiando a actividade comercial para espertar novas vocacións emprendedoras que garantan a necesaria remuda xeracional, favorecendo que se sustenten en proxectos sólidos e viables e que avancen na especialización segundo a evolución dos clientes e das propias necesidades do territorio en que se asentan.

Nun escenario marcado polas novas tendencias de consumo e polos desafíos globais dun mercado hiperconectado, este plan marca un novo fito no esforzo continuado do Goberno galego neste ámbito.

Unha aposta pola formación e a remuda

Entre as diferentes medidas para impulsar a competitividade do sector —o primeiro dos eixes do plan aprobado hoxe no Consello— o documento oriéntase a aspectos clave como o fomento da dixitalización —tendo en conta accións pioneiras como a creación de espazos de demostración tecnolóxica para os comerciantes nos recintos feirais de Galicia—, a aposta pola modernización dos espazos comerciais como ferramentas atractivas de venda en si mesmas ou o incremento da capacitación profesional, coa posta en marcha, por exemplo, de microformacións dixitais en temáticas moi específicas de interese para o día a día dos negocios ou dun plan de formación para os xerentes dos centros comerciais abertos e prazas de abastos. 

Tamén neste eixo se artellan accións específicas en prol do emprendemento e da pervivencia de negocios rendibles, promovendo sinerxías coa Rede de polos e buscando atraer o talento de perfís estratéxicos como a mocidade e os galegos retornados. Garantir a remuda tamén é un dos grandes obxectivos para Artesanía de Galicia, buscando a recuperación dos oficios tradicionais con novas iniciativas como as bolsas de aprendices en paralelo ao programa Aprender da tradición.

No que respecta ao segundo dos eixes, orientado a promover a visibilidade e o consumo no comercio local —e xunto con medidas estrela como os bonos Activa comercio ou as xas mencionadas Vilas vivas, Prato de mercado e Localízate—, destaca tamén a colaboración nas Áreas Rexurbe, centrado na recuperación de conxuntos históricos de vilas e cidades galegas. Tamén se recollen medidas en prol doutras figuras clave do comercio galego, como o comercio ambulante —coa promoción do distintivo de calidade Feiras de Galicia— e os obradoiros artesanais —estimulando diferentes vías de comercialización de Artesanía de Galicia e artellando novos programas de divulgación como Artesanía na escola.

Reforzo da coordinación do sector

Finalmente, o Plan, a través do seu terceiro eixe, consolidará un modelo activo baseado no coñecemento e na participación de todo o sector. Con ese motivo, crearase a nova Mesa do Comercio Galego, instrumento clave para a axeitada colaboración de todo o ecosistema e das administracións públicas, en paralelo ao traballo que xa se realiza a través das mesas locais de comercio, cuxo papel se seguirá intensificando. Tamén se promoverá a colaboración interinstitucional en prol do comercio coa Fegamp, as cámaras de comercio e os recintos feirais. Adicionalmente, reforzarase o labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a favor dos dereitos das persoas consumidoras e, por tanto, da calidade dos servizos do sector comercial.