jueves, 27 de marzo de 2025

O Parlamento de Galicia reitera a demanda ao Goberno de España do traspaso e a gratuidade da AP-9, así como elaborar un estudo que avalíe o custo do rescate e as bonificacións ata o fin da concesión

 


Onte o Pleno do Parlamento de Galicia demandou hoxe por unanimidade ao  Goberno de España, a través de dúas proposicións non de lei do Grupo Popular, que culmine o proceso de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 e implante con carácter inmediato a gratuidade das peaxes desta autoestrada. Así mesmo, pídese que informe sobre o seu posicionamento fronte aos requirimentos da Comisión Europea en relación coa prórroga da concesión da AP-9 e elabore e faga público un estudo que avalíe, como mínimo, o custe do rescate, da implantación da gratuidade e de aplicar as bonificacións vixentes ata final da concesión.

O portavoz popular de Infraestruturas, Roberto Rodríguez, criticou “o desleixo do Goberno de Pedro Sánchez e dos seus socios coa demanda unánime do Parlamento galego para que proceda ao traspaso da AP-9”. “Despois de 25 prórrogas ao trámite de emendas á proposición de lei orgánica remitida por esta Cámara, 40 se sumamos os 15 aprazamentos da pasada lexislatura, non é que estean a negar a Galicia a transferencia, porque o que están é negando a Galicia incluso o debate”, apuntou.

A SUBA DAS PEAXES MÁIS ALTA DE EUROPA

“Os galegos padecen hoxe as peaxes da AP-9 máis altas da súa historia: percorrela de Ferrol a Tui custa desde o 1 de xaneiro 26,85 euros”, lembrou o portavoz popular, quen apuntou que “neste 2025 tamén é a autoestrada na que máis subiron as peaxes de Europa, xa que mentres as principais vías europeas están a actualizar as súas tarifas por baixo do IPC, situando o promedio europeo no 2 por cento, o Goberno de Pedro Sánchez subiu as peaxes da AP-9 un 5 por cento”.

 

Neste sentido, Roberto Rodríguez sinalou que “ese mantra de PSOE e BNG de que os galegos pagamos as peaxes máis altas da historia a unha concesionaria por culpa da prórroga do ano 2000 do Goberno de Aznar xa non cola máis, porque a partir deste ano xa non hai escusas para non valorar o rescate da AP-9”. Así, o estudo encargado pola Xunta valoraba a transferencia e o rescate da autoestrada entre os 1.612 e os 2.355 millóns de euros, en función das distintas opcións para o cálculo do lucro cesante, “unha cifra que se asemella de maneira considerable ao custo das bonificacións ata o final da concesión, tendo en conta que se elevaron a máis de 81 millóns de euros neste 2025”.

O portavoz popular insistiu que “ao Goberno galego gustaríalle ter a oportunidade de trasladarlle persoalmente ao Goberno de España a petición de que avalíe a oportunidade deste rescate da autoestrada AP-9, pero despois de oito cartas solicitando un encontro o resultado foi cero respostas”.

TRATO XUSTO E EQUITATIVO

“Esiximos un trato xusto e equitativo para Galicia que o Goberno de Pedro Sánchez, co apoio do BNG, nos nega; e tamén esiximos rigor e transparencia en todo o relacionado coa AP-9”, solicitou Roberto Rodríguez. En concreto, pediu “a información que lle foi remitida á Comisión Europa trala apertura dun expediente para analizar a situación da moratoria na concesión; os termos do estudo, si é que existe, realizado polo Goberno de España sobre o custo económico do rescate que lle leva a dicir que ‘non é viable polo seu altísimo gasto’; e as condicións e as negociacións que mantén o Goberno central coa concesionaria”.

Para rematar, insistiu que “ningunha das decisións que poden supoñer a transferencia, a gratuidade ou o rescate da AP-9 están a día de hoxe condicionadas por ningunha decisión pasada”, porque “hai aberto un expediente sobre a prórroga vixente, o custo do rescate á parello ao custe das bonificacións vixentes ata o final da concesión e para o rescate e a liberalización das peaxes noutros territorios de España hai vontade e cartos”.


Proposicións non de lei aprobadas polo Pleno do Parlamento de Galicia o 25 de marzo de 2025.

Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Pomar Tojo, Carmen María e 3 máis

Sobre as demandas que a Xunta de Galicia debe trasladar ao Goberno central en relación coa autoestrada AP-9

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que faga efectiva as seguintes demandas:

1º- Impulsar todas as iniciativas políticas e executivas que sexan precisas para culminar o proceso de transferencia da titularidade e competencias sobre a AP9, de conformidade coa proposición non de Lei aprobada polo Parlamento de Galicia o pasado mes de decembro e que se tramita ante o Congreso dos Deputados

2º- Implantar con carácter inmediato e con independencia do proceso anterior, a gratuidade das peaxes nas autoestradas AP-9 e AP-53, as máis caras de España, en cumprimento do compromiso adquirido polas formacións políticas que sustentan o Goberno de Pedro Sánchez no último proceso electoral".

Grupo Parlamentario Popular de Galicia Rodríguez Martínez, Roberto e 8 máis

Sobre a demanda que a Xunta de Galicia debe dirixir ao Goberno central co obxecto de que atenda as solicitudes de información e reunión realizadas polo executivo galego en relación coa autoestrada AP-9

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno de España que remita a información solicitada sobre o posicionamento do Goberno central fronte aos requirementos da Comisión Europea e que atenda ás solicitudes de información e reunión solicitadas pola Xunta de Galicia ao Ministerio de Transportes".