Celebro a moi boa nova de que a Deputación de Ourense presidida por Luis Menor, aprobara hoxe, no pleno ordinario de abril, tres modificacións de crédito por importe de 41,5 millóns de euros que facilitarán o financiamento, por parte da institución provincial, de máis de 200 accións en cooperación cos concellos e a colaboración con máis dun cento de iniciativas de asociacións de todos os ámbitos da provincia, así como servizos, plans, programas e liñas de colaboración da Deputación ourensá con outras administracións.
A inxección de recursos aprobada hoxe divídese en 24,7 millóns para a prestación dos servizos e programas da Deputación de Ourense; 9,6 millóns, para cooperación cos concellos; e 7,1 millóns para colaboración con entidades e mancomunidades.
As principais cifras destas modificacións son as que seguen:
- Cooperación con entidades locais: 10,5 millóns de euros (9,6 para concellos e preto de 900.000 euros para mancomunidades). A meirande parte das actuacións a financiar refírense á mellora e recuperación de infraestruturas e servizos básicos, ademais de proxectos de eficiencia enerxética ou actividades culturais, entre outros.
- Aténdense os compromisos asumidos en asistencia a maiores, con 800.000 euros para oito actuacións noutros tantos concellos para mellora, ampliación o funcionamento de residencias. Destacan os recursos destinados á construción dos centros de Baltar (250.000 €) e Xunqueira de Ambía (200.000 €).
- Para infraestruturas deportivas destínanse máis de 1,3 millóns de euros: case 613.000 euros para campos de fútbol de doce concellos, entre eles para a construción de campos Viana do Bolo (150.000 €); Maside (100.000); ou Cenlle (165.000 €). Para construción e mellora de instalacións deportivas en xeral destínanse máis de 700.000 €.
- Apoio con 480.000 euros aos concellos que teñen as bases dos GES (40.000 € para Avión, O Barco, Castro Caldelas, A Gudiña, Laza, Lobios, Maceda, Muíños, Pereiro de Aguiar, Ribadavia, A Veiga e o servizo da mancomunidade Terra de Celanova).
- Axudas por importe de 250.000 euros a repartir en cantidades iguais (50.000 €) entre os concellos con conservatorios de música (O Barco, Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia).
- Servizos, plans, programas e liñas de colaboración da Deputación ourensá con outras administracións.
- Maior dotación de recursos para a rede provincial de estradas: 4,5 millóns. Esta cantidade, sumada a unha idéntica partida xa consignada nos orzamentos deste ano, eleva os recursos para estradas provinciais ata os 9 millóns de euros, dous millóns máis que no pasado exercicio.
- En Medio Ambiente, 5,6 millóns de euros, con especial atención ao servizo de recollida e tratamento de lixo, sendo a Deputación de Ourense a única institución provincial de Galicia que presta este servizo de modo directo.
- Dixitalización do ciclo hidráulico, con 2,4 millóns no marco do Perte da Auga.
- Para colaboración coa Xunta de Galicia, 1,3 millóns no convenio con Medio Rural para a prevención de incendios; 1,4 millóns para cofinanciar residencias de maiores; 150.000 euros en promoción de actividades deportivas; e a mesma cantidade no fomento de iniciativas culturais
- Inclúese nesta apartado un plan provincial de vivenda (500.000 €) e un plan provincial de lectura (350.000 €).
- Colaboración con entidades: case 6,3 millóns de euros para colectivos e asociacións de carácter social, empresariais, do sector primario, educación, cultura, deporte ou sanidade.
- Destacan as axudas á Comunidade de Regantes da Limia para a modernización do regadío, e ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra para o plan de mobilidade, nos dous casos con achegas de 500.000 euros.
Neste apartado económico aprobouse tamén unha cuarta modificación de crédito, desta volta correspodente ao Inorde por importe de 401.500 euros, na que destaca os 100.000 euros destinados a actividades de promoción do turismo.
A Corporación deu ademais o visto bo a un Plan Económico-Financeiro para a Deputación ao rexistrarse un incumprimento da regra de gasto, por importe de 20,8 millóns de euros, con motivo da liquidación do orzamento de 2024.
O plan, que destaca o nivel cero de débeda da Deputación e a súa situación económica saneada, inclúen unha serie de medidas correctoras a aplicar durante o período 2025-2026.
O PP celebra a “responsabilidade e valentía” do Goberno provincial ao inxectar 10,5 millóns de euros ás entidades locais
O Partido Popular celebra a “valentía e responsabilidade” do Goberno provincial ao inxectar 10,5 millóns de euros nas contas da Deputación de Ourense co fin de atender as necesidades das entidades locais, “fronte a un Goberno central que bloquea a capacidade de xestión e financiamento dos municipios”, destaca a portavoz do grupo provincial popular, Patricia Torres, que valorou así a aprobación no pleno celebrado hoxe dunha ampla modificación de crédito por importe de 41,5 millóns de euros.
Torres subliña o feito de que a modificación de crédito non obtivera ningún voto en contra, recollendo as palabras do presidente provincial Luis Menor, nas que cualificaba a sesión de hoxe como “un fito histórico”. Unha mostra do “importante traballo que hai detrás, tanto técnico como político, pois tamén hai moita conversa co resto dos grupos da Corporación”.
Fronte á inseguridade que xera aos concellos o Goberno de Sánchez cambiando as regras do xogo, advirte a portavoz do PP, “o Partido Popular opta pola valentía e mobiliza recursos para a cooperación municipal e atención ás necesidades de todo tipo de colectivos e asociacións”, aínda que esta decisión provocara un incumprimento da regra do gasto.
“Deixar gardados 20 millóns de euros non era unha opción cando os nosos concellos teñan moitas necesidades que cubrir”, defende Patricia Torres, que avala a decisión do goberno de Luis Menor “ante situación de estabilidade financeira e débeda cero da Deputación”.