lunes, 28 de abril de 2025

EPA: No primeiro trimestre de 2025 en Galicia hai 111.000 persoas en paro, 1.600 máis que no trimestre anterior.

 



EPA primeiro trimestre de 2025

Poboación activa

No primeiro trimestre de 2025 a poboación galega de 16 ou máis anos acada a cifra de 2.381.000 persoas, das que 1.261.100 clasifícanse como activas, o que sitúa a taxa de actividade no 53%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas diminúe en 1.600 persoas e a taxa de actividade diminúe 0,1 puntos.

Poboación ocupada

A ocupación ocupada diminúe en 3.200 persoas no primeiro trimestre de 2025 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.150.100 persoas. A taxa de ocupación tamén diminúe con respecto ao trimestre pasado e sitúase no 48,3%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 22.400 persoas, o que supón un incremento do 2% en termos relativos.

En Ourense hai 112.800 persoas ocupadas.

Poboación asalariada

En Galicia contabilízanse 940.100 persoas asalariadas no primeiro trimestre de 2025, 811.300 con contrato indefinido e os 128.800 restantes con contrato temporal. Con respecto ao trimestre anterior rexístranse 13.900 asalariados e asalariadas máis con contrato indefinido. 

O número de persoas suxeitas a un contrato temporal diminúe en 22.000 efectivos (o que supón, en termos relativos, un descenso do 14,6% con respecto ao cuarto trimestre de 2024). No que respecta á variación interanual, a cifra de persoas con contrato indefinido aumenta un 4,2%, e as persoas con contrato temporal diminúen, pola contra, un 8,3%.

A taxa de temporalidade, calculada como a porcentaxe de persoas con contrato temporal sobre o total de asalariados e asalariadas, sitúase no 13,7%.

Poboación parada

No primeiro trimestre de 2025 en Galicia hai 111.000 persoas en paro, 1.600 máis que no trimestre anterior. A taxa de paro aumenta 0,1 puntos e sitúase no 8,8%.

Con respecto ao primeiro trimestre do ano 2024, o número de parados e paradas diminúe en 20.600 persoas (un 15,7%) e a taxa de paro, a súa vez, baixa 1,7 puntos en termos interanuais.

En Ourense hai 14.300 persoas paradas. A taxa de paro é do 11,28 %m 0,47 puntos menos que no trimestre anterior.

Fogares

No primeiro trimestre de 2025, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 1.400 unidades e sitúase en 42.400 fogares. Respecto ao primeiro trimestre de 2024, esta tipoloxía de fogares diminúe un 15%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 1.500 unidades. O número de fogares nesta situación é de 666.600. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 17.200 fogares máis nesta situación, o que supón un incremento do 2,6% en termos relativos.

Poboación xuvenil

Dos 336.700 mozos e mozas galegas de entre 16 e 29 anos, 129.000 (o 38,3%) están ocupados/as, 28.900 (o 8,6%) parados/as e os 178.800 (o 53,1%) restantes son inactivos/as.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 38,3% no primeiro trimestre de 2025. Con respecto ao trimestre anterior diminúe 2,2 puntos e con respecto ao mesmo trimestre do ano 2024 aumenta 0,8 puntos.

A taxa de paro xuvenil sitúase no 18,3% neste trimestre; aumenta 0,2 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co primeiro trimestre de 2024, diminúe 4 puntos.

 

 

Fonte: INE-IGE. Enquisa de poboación activa