martes, 29 de abril de 2025

Rueda anuncia que Galicia solicitará ao Goberno central rebaixar a emerxencia a nivel 2 tras recuperarse o 97% do subministro na comunidade



Está mañá o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Executivo autonómico vai solicitar ao Goberno central que Galicia pase ao nivel 2 de emerxencia logo de que xa estea “recuperado o 97% do subministro eléctrico” na comunidade galega. 

Durante unha intervención no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112, acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o presidente informou de que ao longo desta mañá manterá unha entrevista co ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, ao que solicitará rebaixar o nivel de emerxencia -actualmente no nivel 3- para que a xestión da situación volva a estar en mans do Goberno galego. 


Rueda resaltou “a excelente coordinación” co Executivo central durante as primeiras horas do apagamento – “cando se trataba dunha incidencia con carácter nacional”- e agradeceu tanto o labor de todos os profesionais que traballaron durante a noite para restablecer “a normalidade” na comunidade coma “a pobo galego por ser un exemplo de civismo e manter a calma” ante unha “situación inédita e complicada”.


Situación actual en Galicia

O presidente indicou que os últimos datos de Rede Eléctrica indican que “arredor” do 97% do subministro en Galicia xa está recuperado, o que equivale a 1.800.000 subministros e se traballa por normalizar a situación “noutros 52.000”.


Rueda tamén indicou que todos os hospitais galegos contan actualmente con luz e que durante a noite se lles subministrou combustible para garantir o funcionamento dos xeradores no caso de que se prolongase o apagamento. Do mesmo xeito actuouse nas residencias de maiores, “onde tres delas recibiron osíxeno” e tres pacientes “tiveron que ser trasladados a hospitais” debido a súa situación. 


O titular da Xunta resaltou que os teléfonos de emerxencias -112 e 061- funcionan con normalidade e que non rexistraron “incidencias graves” durante todo o apagamento. 


Por último, Rueda explicou que se decidiu suspender as clases nun momento “en que era preciso reducir o uso de combustible” e tendo en conta que “Galicia ten unha das redes de transporte escolar” máis grandes de España. En todo caso, os centros educativos e as escolas infantís permanecen abertos para facilitar a conciliación das familias, pero sen actividade lectiva.