lunes, 7 de abril de 2025

Rueda destaca que a estabilidade institucional favorece que Galicia pechase 2024 co 100% de orzamento executado e menos débeda



O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe os datos dun informe que acredita “a boa saúde das contas públicas galegas”, o que permitiu que Galicia pechase 2024 cun superávit de 202 millóns de euros, “reducindo a súa débeda e cun incremento do PIB por riba do previsto”.

O informe revela que a comunidade rematou o ano co 100 % do orzamento executado, cun superávit do 0,25 %,  reducindo a débeda en 234 millóns de euros e rebaixando a ratio débeda/PIB ata o 14,5 %.  O documento destaca tamén que Galicia pechou o exercicio cun superávit de 202 millóns de euros. Un saldo positivo motivado por unha liquidación do SFA superior á inicialmente prevista, que permitiu a recuperación da concesión de catro autovías, cun aforro de 342 millóns de euros nos exercicios futuros. Esta operación ten carácter financeiro e, polo tanto, non ten impacto no cálculo do saldo.

A débeda por habitante sitúase na comunidade nos 4.395 euros fronte aos 6.870 euros da media de comunidades, co que, tal e como explicou Rueda, “cada galego debe hoxe 2.474 euros menos que os habitantes da media das comunidades autónomas”. 

Tal e como reflicte o documento, a Comunidade Galega cumpre executando o orzamento con máis crecemento, máis investimentos, menos impostos, menos débeda e con mellores indicadores que os territorios da súa contorna: “cun crecemento do PIB do 2,8 %, medio punto máis do previsto”; acadando un nivel do PIB 9 puntos superior ao ano 2019, dous puntos máis que a media española; coa menor taxa de paro desde 2008, dous puntos inferior á media de España, e cun novo récord nas exportacións, por riba dos 31.000 millóns de euros. 

Ademais, Galicia lidera un ano máis o esforzo investidor, cun 16,4% do gasto de capital sobre o gasto non financeiro, case o dobre da media. 

Pago a provedores  

Por outra banda, a Administración galega situouse, un ano máis, entre as CC.AA. que pagou aos seus provedores con maior axilidade: 17,3 días de media en 2024, é dicir, 13,8 días antes que a media das comunidades. Esta axilidade beneficia os case 15.700        provedores que traballan coa Xunta, pois favorece a súa liquidez, tendo en conta que moitos deles son pemes e mesmo autónomos.  

Cómpre salientar que o pasado ano a Xunta de Galicia pagou un total de 723.570 facturas. O Goberno galego reafirma o seu compromiso con seguir pagando coa máxima axilidade posible