Como sinalou a conselleira, a intervención forma parte do Eixo de mobilidade peonil e ciclista que a Xunta está a desenvolver na cidade ourensá e que, unha vez completado no vindeiro verán, terá un total de 4 km de lonxitude e conectará numerosos puntos de interese, entre eles, ademais da avenida das Caldase a Ponte Romana, o paseo do Barbaña, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz, ao longo dun eixo norte-sur. O investimento total ascende a 5,4M€.
A humanización da avenida das Caldas é un dos dous treitos dos que consta este Eixo. En concreto, actuouse entre a estación Intermodal ata a Ponte Vella para mellorar a mobilidade alternativa peonil e ciclista, ademais de executar a renovación de pavimentos e servizos urbanos. Ademais mellorouse a mobilidade no treito que coincide coa ruta xacobea da Vía da Prata, e neste senso a mellora busca taméndinamizar este itinerario do Camiño de Santiago.
A conselleira puxo esta actuación como modelo do compromiso da Xunta para construír “cidades máis amables e accesibles” no marco da estratexia global “para unha nova cultura de mobilidade urbana” e destacou que en poucos meses, veciñanza e visitantes poderán desfrutar de todo o eixo “con 4km de traxecto sostible”.
“Galicia participa así na estratexia global para unha nova cultura de mobilidade urbana -subliñou-. Facémolo a través do ambicioso Plan de Sendas da Xunta de Galicia, con case 300 quilómetros de itinerarios. Un plan de sendas que mesmo mereceu o recoñecemento da Unión Europea”.
Máis polo miúdo, a reforma da avenida das Caldas desenvolveuse ao longo de algo máis de 400 metros, e permitiu habilitar beirarrúas máis anchas e un carril bici, gañando espazo para as persoas e reducindo a circulación do tráfico rodado a un carril. Ademais, na marxe dereita da estrada habilitáronse un aparcadoiro e paradas de bus. Tamén se ampliaron e renovaron as beirarrúas, que no caso da marxe esquerda, que é a que coincide co treito do Camiño, teñen un ancho de entre 3 e 5 metros.
Estas actuacións do Eixo de Mobilidade de Ourense enmárcanse nos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation, destinados ao fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas, contribuíndo tamén á implantación de zonas de baixas emisións.