sábado, 26 de abril de 2025

A Xunta remata a humanización da Avenida das Caldas que permitiu gañar espazo para as persoas ao habilitar beirarrúas máis anchas e o carril bici, ademais da renovación de pavimentos e servizos urbanos e a mellora da mobilidade no treito que coincide coa ruta da Vía da Prata O investimento acadou 1,4M€, con financiamento dos fondos europeos Next Generation


A Xunta vén de completar as obras de humanización da avenida das Caldas, en Ourense, que hoxe visitou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez. Nestes traballos investíronse 1,4M€, con financiamento dos fondos europeos Next Generation.

Como sinalou a conselleira, a intervención forma parte do Eixo de mobilidade peonil e ciclista que a Xunta está a desenvolver na cidade ourensá e que, unha vez completado no vindeiro verán, terá un total de 4 km de lonxitude e conectará numerosos puntos de interese, entre eles, ademais da avenida das Caldase a Ponte Romana, o paseo do Barbaña, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz, ao longo dun eixo norte-sur. O investimento total ascende a 5,4M€. 

 

A humanización da avenida das Caldas é un dos dous treitos dos que consta este Eixo. En concreto, actuouse entre a estación Intermodal ata a Ponte Vella para mellorar a mobilidade alternativa peonil e ciclista, ademais de executar a renovación de pavimentos e servizos urbanos. Ademais mellorouse a mobilidade no treito que coincide coa ruta xacobea da Vía da Prata, e neste senso a mellora busca taméndinamizar este itinerario do Camiño de Santiago. 

 

A conselleira puxo esta actuación como modelo do compromiso da Xunta para construír “cidades máis amables e accesibles” no marco da estratexia global “para unha nova cultura de mobilidade urbana” e destacou que en poucos meses, veciñanza e visitantes poderán desfrutar de todo o eixo “con 4km de traxecto sostible”. 

 

“Galicia participa así  na estratexia global para unha nova cultura de mobilidade urbana -subliñou-. Facémolo a través do ambicioso Plan de Sendas da Xunta de Galicia, con case 300 quilómetros de itinerarios. Un plan de sendas que mesmo mereceu o recoñecemento da Unión Europea”. 

 

Máis polo miúdo, a reforma da avenida das Caldas desenvolveuse ao longo de algo máis de 400 metros, e permitiu habilitar beirarrúas máis anchas e un carril bici, gañando espazo para as persoas e reducindo a circulación do tráfico rodado a un carril. Ademais, na marxe dereita da estrada habilitáronse un aparcadoiro e paradas de bus. Tamén se ampliaron e renovaron as beirarrúas, que no caso da marxe esquerda, que é a que coincide co treito do Camiño, teñen un ancho de entre 3 e 5 metros.

 

Estas actuacións do Eixo de Mobilidade de Ourense enmárcanse nos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation, destinados ao fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas, contribuíndo tamén á implantación de zonas de baixas emisións.